13 mar 2019

Román Rodríguez anuncia no Parlamento un novo sistema de clasificación por estrelas para as casas de turismo rural

 O conselleiro de Cultura e Turismo compareceu a petición propia para explicar os numerosos proxectos postos en marcha desde a creación da Consellería e a preparación do Xacobeo 2021

 
A convocatoria de ‘O teu Xacobeo’ recibiu 653 solicitudes, unha resposta moi significativa que demostra o interese da sociedade por implicarse nesta celebración
 
Avanzou tamén melloras no plan de impulso do Monte do Gozo e a creación dun albergue na Vía da Prata
 
O conselleiro de Cultura e Turismo, no Parlamento de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu  a petición propia no Parlamento de Galicia, para explicar os avances nos novos plans e medidas postos en marcha polo Goberno autonómico en materia de turismo e as novidades relativas á planificación do Xacobeo 21 desde a creación da Consellería de Cultura e Turismo.

Tendo en conta este escenario, un dos principais anuncios que fixo o titular de Cultura e Turismo foi a implantación dun novo sistema de clasificación por estrelas, en función da súa calidade e servizos, para as casas de turismo rural. Esta será unha das medidas da futura Estratexia de Turismo Rural na que a Xunta está a traballar. Trátase dunha proposta innovadora que persegue a mellora e profesionalización destes establecementos, así como a difusión e promoción dos seus servizos ou a equiparación ao resto de aloxamentos turísticos. “Todo isto apostando por dar unha maior seguridade tanto a clientes como a propietarios”, destacou Román Rodríguez antes de engadir que “é unha iniciativa que busca aumentar a oferta turística con novas experiencias que poñan en valor o noso rural aproveitando os seus recursos propios”.

Esta nova proposta enmárcase nas grandes medidas no ámbito do turismo que se están poñendo en marcha para facer fronte ao reto de consolidar as boas cifras acadadas no último lustro e de seguir afondando na calidade do modelo turístico de Galicia. Así, ademais da Estratexia de Turismo Rural, a Xunta de Galicia puxo xa en marcha o Plan de Mellora de Aloxamentos Turísticos (MAT). As dúas primeiras liñas, dotadas con catro millóns de euros e das que se beneficiarán máis de 500 establecementos, abríronse en xaneiro.

Durante estes meses, a Xunta tamén avanzou na estratexia Galicia Sabe, unha iniciativa que busca impulsar a nosa tradición culinaria e os produtos autóctonos, potenciando a competitividade e o emprego no sector primario. Con este plan márcase a nova folla de ruta que definirá as prioridades e accións no eido do turismo enogastronómico.

“Estes grandes plans complétanse coa creación de novos produtos e a continuación de accións que xa estaban en marcha e que permiten dispoñer dunha oferta de primeiro nivel, diversa e de calidade, que afonda na desestacionalización e no valor de Galicia como destino”, explicou o titular de Cultura e Turismo, que defendeu “un modelo comprometido a nivel cultural, socioeconómico e medioambiental que no que se aproveitan os recursos do noso país xerando valor en toda a cadea e creando riqueza e emprego en todas as comarcas e concellos onde se desenvolve”.

Organización do Ano Santo

O Goberno autonómico asume, ademais, o gran reto de organizar a celebración do próximo Ano Santo, en 2021. Trátase dun ambicioso proxecto que, tal e como lembrou Román Rodríguez, se sustenta, entre outros elementos, nunha arquitectura participativa. “É un proxecto transversal que quere implicar a todas as institucións, entidades e cidadáns de Galicia nun gran proxecto común”. Para conseguir este obxectivo, a Consellería de Cultura e Turismo organizou ao longo destes meses numerosas reunións e encontros no ámbito local, autonómico e nacional. Tamén a nivel internacional, a través de convenios con algunhas das máis prestixiosas institucións culturais do mundo, como o firmado recentemente coa Universidade de Nova York.

A Xunta impulsou, igualmente, dúas grandes medidas para recoller as achegas de todos. Unha delas é o programa de beneficios fiscais polo que calquera persoa física ou xurídica que apoie o Xacobeo 21 recibirá os máximos beneficios fiscais establecidos pola lei. A segunda gran medida é a convocatoria de proxectos O Teu Xacobeo. Unha vez pechada a recepción de propostas, Román Rodríguez fixo balance do que considera “un rotundo éxito”. En concreto, presentáronse 653 solicitudes, das cales 119 procedían de concellos e entidades locais, mentres que 188 eran de entidades privadas. As 346 propostas restantes proceden de asociacións e entidades se ánimo de lucro. “Estas cifras mostran a gran implicación de todos os sectores da sociedade e da importancia que lle dan ao Xacobeo 21”, declarou.

Investimento na Vía da Prata

A planificación do Xacobeo 2021, tal e como destacou o titular de Cultura e Turismo durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia, tamén require de importantes investimentos para preparar a gran chegada de visitantes e o aumento dos fluxos turísticos. “Este esforzo comezou a facerse realidade coa licitación, fai escasos días, de oito grandes contratos para a conservación e mantemento dos Camiños de Santiago”. Esta ambiciosa actuación supón un investimento de 15,6 millóns de euros para actuar en 121 concellos galegos ou nunha extensión de máis de 1.200 quilómetros.

Ademais dos contratos de mantemento do Camiño, a Xunta de Galicia tamén investirá 3 millóns de euros no acondicionamento e sinalización da Vía da Prata, o itinerario que este 2019 protagoniza o Plan Director do Camiño Santiago e que se especializará para cubrir as necesidades dos peregrinos a cabalo. “Son investimentos importantes que non só serven para preparar os Camiños para o Ano Santo, senón que os seus efectos se estenderán máis alá do ano 2021 deixando un Camiño máis e mellor preparado para a próxima década”.

Con este mesmo obxectivo, tamén se están destinando importantes recursos para a construción de novos albergues. Neste marco, Román Rodríguez anunciou que a Xunta está xa traballando na creación dun novo albergue na Vía da Prata que estará especialmente habilitado para aqueles peregrinos que deciden percorrer os itinerarios xacobeos a cabalo.

Actuacións no Monte do Gozo

Un dos elementos máis icónicos do Xacobeo en Santiago é o Monte do Gozo, un espazo que durante moitos anos foi un dos puntos centrais da celebración do Ano Santo. Co obxectivo de seguir mellorando esta infraestrutura, a Xunta de Galicia ven de asinar o contrato definitivo de adxudicación. Ademais, continuarase coas obras de limpeza e mellora da iluminación. Por outro lado, o conselleiro de Cultura e Turismo avanzou que o Goberno autonómico tamén creará neste entorno un Bosque de Camelias e habilitará un novo espazo pensado especialmente para a recepción dos cabalos. “Tamén levaremos a cabo unha importante ampliación do auditorio que permitirá chegar ata os 46.000 espectadores”, destacou na comparecencia.

Estas intervencións, sumadas ás levadas a cabo pola Consellería de Infraestruturas para a seguridade viaria, suporán unha nova revitalización dun espazo senlleiro que volverá a vivir o seu gran momento durante os próximos anos.

Aumento no número de pernoitas

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tamén aproveitou a súa comparecencia no Parlamento de Galicia para facer balance do turismo en Galicia, unha actividade que supón xa o 10,4% do noso Produto Interior Bruto. Tal e como explicou, ao longo do ano 2018 Galicia rexistrou 4,8 millóns de turistas, o que supón o segundo mellor ano da nosa historia. Ademais, o número de pernoitas superou os 10 millóns e o gasto dos turistas internos creceu entorno a un 9%.

Destacou tamén que, analizando a variable da evolución da estadía media, Galicia é a primeira comunidade autónoma de España en crecemento, ao rexistrar unha subida do 3%, superando amplamente a tendencia no resto do Estado, que é negativa. O turismo galego avanzou tamén na desestacionalización, pois seis de cada dez turistas chegaron fóra dos meses centrais do verán. “Estes datos confirman que Galicia cada vez ten máis que ofrecer durante todo o ano”, afirmou.

Para concluír, Román Rodríguez detallou que as variables cuantitativas “fálannos dunha Galicia que atrae cada vez a máis xente”, mentres que os parámetros cualitativos dan conta dun destino que é cada vez máis competitivo, sustentable e de maior calidade.

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!