28 ago 2018

A 12ª edición do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ contará coa participación de 86 establecementos e 172 menús diferentes

 A proposta desenvolverase do 14 de setembro ao 16 de decembro con prezos que van desde os 30 euros aos 300 en función da modalidade elixida polo viaxeiro

 
Pódese gozar en parella, familia ou con amigos de propostas culinarias, deseñadas para a ocasión, e pernoitar nas casas de turismo rural durante a fin de semana
 
“Poñemos xa a vista no outono, a época do ano na que máis evolucionou o turismo en 2017, achegando novos motivos para visitar Galicia”, salientou Nava Castro
 
Un bus promocional percorre esta semana a Comunidade para anunciar a iniciativa entre os galegos e os turistas estivais co sorte de ata 10 packs en redes sociais
 
Ao longo das súas 11 edicións anteriores, preto de 60.000 persoas participaron xa no ‘Outono Gastronómico’, que foi premiado na edición de Fitur de 2016
Pressentación do Outono gastronómico de 2018 en Monforte de Lemos.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou a 12ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural, unha proposta que permite gozar de ata 172 menús diferentes en 86 establecementos de toda a Comunidade e pernoitar neles nas fins de semana desde o vindeiro 14 de setembro ata o 16 de decembro.

Nesta ocasión, adhírense a esta proposta 23 casas de turismo rural da provincia da Coruña, 19 de Lugo, 25 de Pontevedra e 19 de Ourense. Todas elas están a ser anunciadas a través dun autobús promocional que percorre Galicia desde a pasada fin de semana e que hoxe chegou a Monforte de Lemos. Despois de pasar por A Coruña e Vigo, esta semana visitará Ourense, Pontevedra, Combarro e rematará o venres en Santiago de Compostela.

Como parte desta iniciativa, que busca captar a atención dos galegos e dos turistas nesta época do ano, sortéanse 10 Fins de Semana Outono Gastronómico para dúas persoas entre aqueles que se fagan unha fotografía co bus e a suban ao Facebook de Turismo de Galicia.

“Poñemos xa a vista no outono, a época na que máis evolucionou o turismo en Galicia no pasado ano, achegando motivos para visitar a Comunidade tamén nesta época”, sinalou Nava Castro, quen lembrou o éxito do Outono Gastronómico, pois ao longo de 11 edicións suma preto de 60.000 participantes e foi recoñecido na Feira Internacional de Turismo Fitur 2016 como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Enogastronomía.

Ata catro modalidades para elixir

O Outono Gastronómico en Turismo Rural, con prezos moi competitivos, ofrece opcións que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estadía. Estarán dispoñibles todas as fins de semana, agás ás do 12 ao 14 de outubro e 7 ao 9 de decembro:

- A oferta Menú Outono Gastronómico, deseñada exclusivamente para esta ocasión, inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños das distintas denominacións de orixe galegas e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.

- Tamén se ofrece a posibilidade do Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú Outono gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta segunda modalidade prevé un menú por persoa máis aloxamento e almorzo, a escoller entre a noite de venres ou sábado. O prezo é de 120 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 80 euros para unha persoa en cuarto individual.

- Outra das opcións é gozar da Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento, na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 140 para unha persoa en cuarto individual.

- E se se quere compartir coa familia unha fin de semana, existe a Fin de semana familiar Outono Gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo será de 300 euros.

Novos Plan de Turismo Rural e Enogastrónomico

Como en edicións anteriores, póñense a disposición dos viaxeiros guías informativas que poderán atoparse nos propios establecementos de turismo rural participantes, nas oficinas de turismo, nos campos de golf e noutros espazos públicos de Galicia. Tamén se distribuirán cartaces e dípticos para a súa divulgación e se promoverá nas redes sociais. Toda a información está dispoñible na web de Turismo de Galicia e outonogastronomico2018.com.

Como manifestou Nava Castro, “iniciativas como o Outono Gastronómico axúdanos a seguir impulsando o turismo rural, que o pasado ano acadou xa estimacións previstas para 2020 na Estratexia do turismo de Galicia”. Esta folla de ruta, froito do diálogo co sector e dotada con 240 millóns euros de orzamento, apunta á desestacionalización da demanda turística como unha das liñas de traballo nun destino que aposta pola calidade e pola autenticidade.

Ao respecto, a directora salientou que nestes momentos o Goberno galego está a deseñar o Plan Estratéxico de Turismo Rural e o Plan Enogastronómico, dous documentos a través dos que seguir mellorando en eidos nos que Galicia está chamada a ser un referente.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!