18 mar 2019

A Cidade da Cultura comeza a plantación de árbores do Bosque do Camiño con colectivos vencellados ás rutas xacobeas

 Esta pequena fraga estará localizada nunha parcela do Bosque de Galicia que discorre paralela á Vía da Prata

 
O conselleiro de Cultura e Turismo participou nesta plantación, á que lle seguirán as que realicen peregrinos
 
Plantación de árbores na Cidade da Cultura de Galicia.

 A Cidade da Cultura comezou a plantación de árbores do Bosque do Camiño e fíxoo co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado por representantes de colectivos vencellados ás rutas xacobeas. A partir de agora, poderán facelo todos os peregrinos que desexen deixar a súa pegada na paisaxe de Compostela.

Este novo espazo verde, dedicado á memoria dos peregrinos, sitúase dentro do recinto do Bosque de Galicia, nunha zona do monte Gaiás que discorre paralela á Vía da Prata. De feito, este 2019 é para o Xacobeo o ‘Ano da Vía da Prata’.

O conselleiro aproveitou esta primeira plantación para informar de que as plantacións seguintes están abertas a todos aqueles peregrinos que acrediten —coa Compostela ou os correspondentes certificados de Visita ou Deportivo— ter realizado un treito do Camiño de Santiago. Para poder participar só terán que inscribirse na páxina web da Cidade da Cultura en calquera das quendas dispoñibles. Prevese que nesta primeira edición se plantarán ata de 250 árbores autóctonas.

En colaboración con SEAGA, empresa pública de Servizos Agrarios Galegas, as plantacións realizaranse dúas veces á semana, os sábados e mércores, de 11 a 13 horas. As persoas inscritas poderán desprazarse ao Gaiás en autobús, tras ser recollidas na Oficina de Peregrinos de Santiago de Compostela. Precisamente, nesta instalación tamén terán acceso ao mapa coa ruta a pé á Cidade da Cultura —dispoñible tamén online en cidadedacultura.gal— por se prefiren a descuberta polo patrimonio histórico e natural que une a Praza do Obradoiro co monte Gaiás.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!