11 set 2018

Os ‘Trens Turísticos de Galicia’ prevén máis de 20 saídas e novas rutas en outono tras acadar un 94% de ocupación no verán

 A Ruta dos Mosteiros, o tren Lugo Romano e o Ourense Termal e Versalles Galego son as tres principais novidades desta experiencia para as vindeiras semanas

 
Inclúen a Muralla de Lugo, o Pazo de Oca, os mosteiros de Carboeiro e Oseira, a Veracruz do Carballiño, a catedral de San Martiño ou as termas de Outariz
 
Despois do éxito na tempada estival, numerosos itinerarios seguen a circular para achegarse a recursos como as DO vitivinícolas, os faros ou a lamprea, entre outros
 
“Hai motivos para visitar Galicia tamén en outono, inverno e primavera”, declarou Nava Castro, quen salientou a importancia de afondar na desestacionalización
Éxito dos Trens turísticos de Galciia.

 Os Trens Turísticos de Galicia acadaron unha ocupación do 94% nas 34 saídas entre os meses de xuño e agosto, o que amosa a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes. “O público volve a avalar esta proposta que impulsamos entre a Xunta, Renfe e o Inorde, unha iniciativa na que traballamos cada ano cun convencemento: cando algo funciona, hai que melloralo”, declarou a directora.

Como sinalou Nava Castro, malia que a tempada estival é importante para o turismo, trátase dunha actividade que, no modelo sustentable galego, aspira a ser relevante en calquera época. “Porque hai motivos para visitar Galicia tamén en outono, inverno e primavera”, dixo.

Nesa liña, salientou que afondar na desestacionalización da demanda é un dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento que diferenza a Comunidade como destino, unha folla de ruta consensuada co sector con retos, compromisos e oportunidades comúns, dotada con 240 millóns de euros e que aposta pola excelencia e pola autenticidade.

Patrimonio e termalismo

Entre os itinerarios que se porán en marcha ao longo das vindeiras fins de semana atópase a Ruta dos Mosteiros, unha das novidades deste ano, que permite achegarse ata os xardíns do Pazo de Oca, no concello pontevedrés da Estrada; ao mosteiro de Carboeiro, en Silleda; ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou ao templo da Veracruz do Carballiño, ambos na provincia de Ourense. Os participantes rematan a xornada no balneario de Caldas de Partovia, onde poderán gozar das súas augas termais, completando así unha oferta moi atractiva que incorpora ao programa de visitas espazos emblemáticos do noso patrimonio.

Tamén funcionará o tren Lugo Romano, que incorpora nesta ocasión teatralizacións a cargo de actores caracterizados como personaxes históricos que farán unha serie de aparicións sorpresa ao longo do percorrido. Neste tren, o viaxeiro coñece a muralla romana, Patrimonio Mundial da Unesco, co Centro de Interpretación da Muralla e co xacemento da Domus do Mitreo. Ademais de pasear polo casco vello, a viaxe remata no Balneario de Lugo.

Outra das melloras desta edición outonal será o tren Ourense Termal e Versalles Galego, ao incluír tamén o Pazo de Oca, a catedral de San Martiño, na cidade das burgas, e as termas de Outariz, consolidando unha terceira opción que conxuga patrimonio, turismo urbano e termalismo, tres dos segmentos do modelo turístico galego de calidade e autenticidade.

Ademais, seguirán a circular trens como a Ruta dos Faros, xa sen prazas dispoñibles ao acadar un 100% de ocupación, o tren das Rías Baixas e da Ribeira Sacra do Miño, outra das novidades deste ano. Mantense, así mesmo, a Ruta do Viño Monterrei, a Ruta dos Viños de Valdeorras e da Ribeira Sacra, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Sil e a Ruta da Lamprea.

Información e billetes

Toda a información pódese atopar tanto na web de Turismo de Galicia como na de Renfe, onde mercar tamén os billetes. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús. Teñen un prezo por itinerario de 40 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os nenos con idades entre os 3 e os 13 anos.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!