16 set 2018

A ruta dos mosteiros dos ‘Trens Turísticos de Galicia’ que se estrea con todas as súas prazas esgotadas

 A directora de Turismo saudou no Mosteiro de Carboeiro aos viaxeiros da saída inaugural desta ruta que combina patrimonio e termalismo no seu percorrido

As cifras de ocupación constatan o éxito da iniciativa de Turismo de Galicia, Renfe e o Inorde que se estenderá ata o vindeiro mes de outubro con varias novidades
 
Nava Castro, no mosteiro de Carboeiro.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, saudou no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, aos viaxeiros da saída inaugural da Ruta dos Mosteiros, unha das principais novidades da edición deste ano dos Trens Turísticos de Galicia. O itinerario estréase con todas as súas prazas esgotadas, constatando así o éxito desta iniciativa de Turismo de Galicia, Renfe e o Inorde que desde xuño obtivo unha ocupación superior ao 94% na tempada estival.

A Ruta dos Mosteiros permite coñecer exemplos sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia combinándoo co desfrute dos recursos termais galegos. Xunto ao Mosteiro de Carboeiro, o itinerario complétase cunha visita ao pazo de Oca, no concello da Estrada; ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou ao templo da Veracruz do Carballiño. Os viaxeiros rematan a xornada no balneario de Caldas de Partovia. A vindeira saída será o 14 de outubro, para a que tamén están xa esgotados todos os billetes.

A edición deste ano dos Trens turísticos de Galicia continuará ata outubro con melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa seis edicións. Inclúense saídas da Ruta do Viño Monterrei, da Ruta dos Viños de Valdeorras e da Ribeira Sacra ou da Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Sil, con dúas saídas en cada caso. Tamén haberá unha máis do tren da Ruta da Lamprea.

Nas vindeiras semanas sairán dúas rutas máis con importantes novidades: o tren Lugo Romano, o 30 de setembro e o 20 de outubro, que contará con teatralizacións a bordo con actores caracterizados e o Tren Ourense Termal e Versalles Galego, o 7 e 27 de outubro. En ambos casos conxugarase patrimonio, turismo urbano e termalismo.

Turismo de calidade e sustentable

Os Trens Turísticos de Galicia 2018 son unha proposta de turismo aliñada co modelo turístico galego plasmado na Estratexia do turismo 2020, de experiencias auténticas e de calidade. A edición deste ano conta cun total de 12 itinerarios diferentes que permiten coñecer as catro provincias galegas.

Inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús a un prezo por ruta de 40 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 o máis adultos) e 20 euros para os nenos de entre 3 e 13 anos. Os billetes pódense adquirir na web de Renfe. Amais, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia ou no teléfono 912 555 912 da Central de Reservas de Trens Turísticos.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!