08 out 2018

A Xunta recoñece cos premios Camiño de Santiago 2018 o desempeño sobresaínte de sete entidades a prol do fenómeno Xacobeo

 O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que os galardóns “visibilizan e recoñecen” as contribucións de excelencia realizadas desde todos os eidos sociais

Recolleron o galardón o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, o Concello do Grove, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e a do Camiño de Tokio, a Protectora Animais do Camiño, o Grupo Compostela Universidades e o CRA de Caldas de Reis

Turismo de Galicia impulsa con estes premios a mellora, protección, sensibilización e coñecemento do Camiño de Santiago seguindo o previsto no seu Plan director

Acto de entrega dos premiso do Camiño de Santiago 2018.

 Os sete gañadores dos Premios Camiño de Santiago 2018 recolleron no Museo das Peregrinacións os seus galardóns, cos que a Xunta de Galicia “recoñece e visibiliza as contribucións de excelencia ‒en palabras do conselleiro de Cultura e Turismo‒, na preservación dos valores xacobeos.” Turismo de Galicia impulsa con este recoñecemento a mellora, protección, sensibilización e coñecemento das diversas rutas seguindo o previsto no seu Plan director.

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, o Concello do Grove, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Asociación de Amigos do Camiño de Tokio, a Asociación Protectora Animais do Camiño (APACA), o Grupo Compostela Universidades e o CRA de Caldas de Reis foron os elixidos nesta ocasión polo xurado polos seus méritos na atención ao peregrino e unha idónea xestión e difusión dos recursos ligados ao Camiño de Santiago desde diferentes eidos.

Xacobeo 21, obxectivo estratéxico

Román Rodríguez lembrou que co Camiño “recibimos un legado que cómpre xestionar responsable e eficazmente” e subliñou que a preparación do Xacobeo 2021 está a ser “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno” para o que cómpre contar coa colaboración e suma de todos. Así mesmo, destacou a exemplaridade das distintas institucións e entidades galardoadas.

O conselleiro rematou a súa intervención explicando que durante este ano se teñen dado importantes pasos organizativos, como a reunión nun mesmo departamento de Cultura, Patrimonio e Turismo ou a incorporación da comisaria da cita, Cecilia Pereira Marimón, á que cualificou como “unha profesional excepcional”, para que o Xacobeo 2021 sexa o mellor da historia.

Ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participaron no acto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón, a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Insua, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, o vicepresidente da Fegamp e alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e a directora do Museo de Peregrinacións, Esperanza Gigirey.

De Galicia a Xapón

Na primeira categoría, correspondente aos concellos e entidades locais, o premio recaeu no Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, polo seu labor de divulgación, promoción e difusión do Camiño Inglés desde a formación ao sector local. Así mesmo, o segundo galardón foi para o Municipio do Grove por unha actuación de mellora e posta en valor dun tramo da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, a única con carácter oficial que discorre por vía marítima na nosa Comunidade.

No ámbito dos colectivos xacobeos, a quen se dirixe a segunda categoría, o primeiro premio recoñeceu á Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, que desde hai case tres décadas mantén un labor de mantemento, divulgación e atención aos peregrinos. O segundo premio viaxou até Asia, coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Tokio, que desde 2009 traballa con hospitaleiros sobre o terreo, apostando por accións a favor da sustentabilidade da ruta.

Integración e diversidade

A Asociación Protectora Animais do Camiño (APACA) é a gañadora dos Premios Camiño de Santiago na terceira categoría, polo seu coidado e protección dos animais perdidos ou abandonados na ruta xacobea.

Finalmente, a cuarta categoría distinguiu ao Grupo Compostela de Universidades, que ao longo do último cuarto de século ten contribuído ao estudo do Camiño de Santiago desde un punto de vista multidisciplinar, académico e social, incluíndo tamén a perspectiva de xénero, e favorecendo a mobilidade dos investigadores. Igualmente, recoñeceuse á Escola de Educación Infantil de Carracedo, do Colexio Rural Agrupado de Caldas de Reis, polo seu proxecto Unha ventá aberta ao mundo, que aproveita o paso de peregrinos por diante das súas aulas para inculcar no alumnado o respecto á diversidade e o contacto con outras culturas.

Con estes premios, o Goberno autonómico avanza na mellora do Camiño de Santiago, especialmente nos seus itinerarios, contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas, e na súa protección xeral e posta en valor. Búscase, ademais, incrementar a sensibilidade da cidadanía ao redor dos valores xacobeos, estimular o coñecemento do seu patrimonio e fomentar a colaboración da sociedade en coordinación coas administracións públicas.

Retos e oportunidades

Eses son precisamente os obxectivos do Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta iniciada en 2015 coa vista no Xacobeo 2021 e que responde ás necesidades actuais da peregrinación e preserva os seus valores tradicionais. Dotado cun orzamento de 56 millóns de euros, conta con oito liñas estratéxicas que, de xeito simultáneo, traballan favorecendo e integrando a diversificación de fluxos polos diversos itinerarios oficiais, a desestacionalización co reparto de peregrinos e a súa internacionalización, con preto de 170 nacionalidades.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!