05 nov 2018

Operadores coreanos e directivos da compañía aérea Korean Air interésanse por Galicia como destino de experiencias

Participaron nunha viaxe organizada pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Tokío

Durante a súa estadía visitaron distintos pazos da Ruta da Camelia, diferentes destinos urbanos e algúns dos bens declarados Patrimonio Mundial en Galicia

Corea achegou o ano pasado máis de 5.000 peregrinos, o que a sitúa como a décima nacionalidade máis habitual nos itinerarios xacobeos e a primeira de Asia

 
Os operadores turísticos coreanos, en Santiago.

 Un grupo de turoperadores coreanos e directivos da compañía área Korean Air participaron en Galicia nunha viaxe organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Tokío, para coñecer parte do patrimonio cultural e natural así como os recursos enogastronómicos da Comunidade.

Durante a súa estadía,programóuse a visita a distintos pazos da Ruta da Camelia, o itinerario no que están incluídas máis dunha decena dos mellores exemplos tanto públicos como privados de xardíns con estas árbores. Tamén coñeceron diferentes destinos urbanos, así como algún dos bens declarados Patrimonio Mundial da nosa Comunidade, entre outros recursos.

A organización desta viaxe enmárcase no traballo do Goberno galego por estreitar lazos cos mercados turísticos internacionais, cumprindo así os obxectivos fixados na Estratexia do Turismo de Galicia 2020. De feito Corea está a ser un dos países que máis interese está a demostrar polo destino galego nos últimos anos, especialmente no eido xacobeo. Este país achegou o ano pasado máis de 5.000 peregrinos, o que o sitúa como a décima nacionalidade máis habitual no Camiño de Santiago e a primeira de Asia.

Memorando de entendemento

Galicia mantén unha estreita colaboración con Corea do Sur desde hai anos neste eido. De feito, este ano asinouse un memorando de entendemento coa Dirección Xeral da División de Turismo e Deporte do Goberno metropolitano de Seúl co que a Xunta de Galicia e esta rexión coreana recoñecen a importancia da peregrinación e buscan o mutuo beneficio, facendo esforzos conxuntos de promoción e difusión para favorecer o seu desenvolvemento.

O memorando súmase a outros proxectos en materia turística que vinculan a Galicia con Corea do Sur, como os nexos que se establecen entre o Camiño de Santiago e os itinerarios de Jeju Olle, que percorren a illa volcánica de Jeju. O ano pasado diferentes representantes de estes itinerarios xa visitaron Galicia para coñecer o modelo de xestión ao redor do Camiño de Santiago e a Comunidade galega tamén acolleu unha exposición de ambas rutas. Amais, este ano, Santiago de Compostela foi a sede do encontro dos itinerarios mundiais World Trails Conference, encontro creado pola Fundacón Jeju Olle. 

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!