14 nov 2018

A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 acorda a definición das liñas estratéxicas e os obxectivos do vindeiro Ano Santo

 O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu  a reunión da Comisión Executiva que informou das últimas decisións aprobadas no seo do Consejo Jacobeo

Avanza as iniciativas previstas para 2019, nas que destacan ‘O teu Xacobeo’, unha convocatoria de proxectos aberta á cidadanía dotada con 2 millóns de euros
 
A rehabilitación do patrimonio etnolóxico do Camiño de Santiago será tamén un dos eixos de actuación, ademais da promoción e da dinamización cultural
 
 
Reunión da Comisión organizadora do Xacobeo 2021.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu a reunión da Comisión Executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, integrada por representantes de diferentes departamentos da Xunta, da Igrexa e do Concello de Santiago de Compostela. A xuntanza, que dá continuidade aos traballos iniciados no Pleno da Comisión, permitiu acordar a definición das liñas estratéxicas do vindeiro Ano Santo, paso previo á redacción do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021.

Estas liñas estratéxicas deberán perseguir o obxectivo xeral de potenciar e actualizar a marca Galicia, reforzando a proxección internacional do noso país, impulsando a renovación da oferta galega e consolidando Galicia como un destino único, referente cultural e turístico.

A Comisión Executiva do Xacobeo 2021 informou das últimas decisións aprobadas a nivel nacional no Consejo Jacobeo, nas que Galicia tivo un destacado papel.

Proxecto compartido e transversal

Entendido como unha verdadeira ferramenta transformadora, Román Rodríguez apostou por unha axeitada planificación e participación arredor do Xacobeo 2021, tendo en conta o seu carácter transversal e a sustentabilidade como premisa. Ao respecto, lembrou que a Comisión Organizadora do Xacobeo 21 forma parte dunha arquitectura sólida que non deixa espazo á improvisación e que é compartida entre a sociedade e as principais institucións do país.

Para ampliar o alcance desta celebración e a súa vontade participativa, avanzou que entre as iniciativas previstas para 2019 atoparase O teu Xacobeo, unha convocatoria de proxectos aberta a toda a cidadanía, dotada con 2 millóns de euros, que permitirá a calquera persoa ou entidade propoñer proxectos de interese en materia cultural, social ou deportiva, entre outros.

En paralelo, como debullou polo miúdo a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, impulsarase a rehabilitación do patrimonio etnolóxico do Camiño de Santiago, contribuíndo así á conservación deste importante legado, poñéndoo a disposición tanto dos galegos como dos peregrinos e turistas en xeral. Do mesmo xeito, darase continuidade ás accións de promoción e dinamización cultural en colaboración co tecido propio da Comunidade.

Catro eixos de actuación

A Comisión Executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, que conta con oito membros, informou tamén sobre a aprobación dos plans e programas da conmemoración do Ano Santo por parte do Consejo Jacobeo, que incorporou todas as achegas de Galicia.

Este último órgano, que agrupa a diferentes ministerios e comunidades autónomas, acordou cinco obxectivos prioritarios desta celebración, común a todas as administracións participantes. Entre eles atópase destacar a riqueza cultural natural e humana do Camiño de Santiago; invitar ao diálogo arredor deste Gran Itinerario Cultural Europeo; promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado coa Ruta Xacobea, particularmente entre os máis novos.

Sobre esta base, os plans e programas articularanse en catro eixes: plan de dinamización cultural, plan de dinamización turística e acollida ao visitante, plan de investigación e plan de patrimonio e legado. Á hora de incluír unha actividade entre estes programas, valorarase especialmente a relación que a actividade garde co Camiño de Santiago, a orixinalidade, rigor e relevancia da súa achega aos fins da conmemoración e a súa viabilidade económica.

Traballo coordinado

O decreto 4/2018, do 11 de xaneiro, polo que se crea a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 establece no seu artigo 10 que o seu funcionamento se levará a cabo a través do Pleno e da Comisión Executiva, que hoxe reuniuse no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino.

O funcionamento da Comisión Executiva vén determinada polo artigo 9, que lle encomenda “con carácter xeral, a realización de funcións de proposta, preparación e desenvolvemento de actuacións concretas nos termos que defina a Comisión Organizadora”. preparación e desenvolvemento de actuacións concretas nos termos que defina a Comisión Organizadora”.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!