12 dec 2018

Román Rodríguez propón ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago crear unha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos

O conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse co movemento asociativo xacobeo de Galicia co obxectivo de ampliar a colaboración dos últimos anos
 
O fomento dos programas de voluntariado nos albergues sumaríase a iniciativas como a convocatoria anual de axudas, dotadas con 90.000 euros
 

Antes da xuntanza, celebrada en Pontevedra, os participantes fixeron unha ofrenda floral na igrexa da Peregrina, un dos templos referentes do Camiño Portugués 

Reunión en Pontevedra coas asociacións de amigos do Camiño.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Galicia, ante quen propuxo a creación dunha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando así a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos na nosa Comunidade.

A xuntanza, que tivo como escenario a cidade de Pontevedra, persigue un triplo obxectivo. Por unha banda, fomentar o coñecemento mutuo e o intercambio de impresións arredor da realidade actual da peregrinación xacobea. Ademais, busca avanzar nos compromisos do Plan Director do Camiño de Santiago, que conta con diversas medidas para a cooperación entre a administración e as asociacións de amigos do Camiño. Finalmente, no contexto do vindeiro Xacobeo 21, informouse dos pasos e proxectos que se están a por xa en marcha, e nos que os peregrinos e a cidadanía en xeral están chamados a participar activamente.

Román Rodríguez salientou que o dinamismo actual da peregrinación e a revalorización que experimentou nas últimas tres décadas non se entenderían sen o traballo desinteresado dos colectivos xacobeos. Neste sentido, cómpre lembrar a figura de Elías Valiña, impulsor desta revitalización que segue a ser unha referencia para os que traballan a prol do Camiño.

Das máis de 300 asociacións repartidas por todo o mundo, unha vintena desenvolve o seu labor fundamentalmente en Galicia. Na antesala do Ano Santo, o conselleiro de Cultura e Turismo animou a incrementar a cooperación, ampliando deste xeito o alcance de iniciativas consolidadas como a convocatoria anual de axudas, dotada con 90.000 euros, das que deu conta a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou na xuntanza.

Cohesión e visión global

Por iso, púxose sobre a mesa a posibilidade e ampliar os programas de voluntariado a través dos hospitaleiros nos albergues, dos que existen boas experiencias con gran aceptación entre os peregrinos, que valoran esta interacción e a tradicional hospitalidade brindada.

Así mesmo, Román Rodríguez, que lembrou experiencias de éxito como o I Encontro de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago celebrado no ano 2015, propuxo establecer novos espazos de interlocución entre o Goberno autonómico e estes colectivos, cunha mesa de traballo que fomente a súa participación en materias relacionadas co Camiño. Como sinalou, esta ferramenta podería facilitar unha relación máis fluída e favorecería a cohesión de todos os axentes implicados na Ruta Xacobea, cunha visión global.

Na xuntanza, o titular de Cultura e Turismo estivo tamén acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, quen expuxo as liñas e obxectivos do programa O teu Xacobeo, unha convocatoria aberta de proxectos que se iniciará en 2019 co fin de que calquera persoa poida formular as súas propostas e proxectos de cara á celebración do Xacobeo 21.

Antes da xuntanza, os participantes realizaron unha ofrenda floral na igrexa da Peregrina, un dos templos referentes do Camiño Portugués, un itinerario ao que a Xunta ten dedicado este ano os principais investimentos do Plan Director do Camiño de Santiago, impulsando a súa sinalización e mellora ou a realización de accións de dinamización sociocultural.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!