04 mar 2019

Román Rodríguez destaca o investimento de 388.000 euros para a posta en valor do Pico Sacro a través do Premio Galicia Parabéns

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que este proxecto suma accións de loita contra o feísmo, protección da paisaxe, promoción das rutas xacobeas e coidado do patrimonio histórico e natural

 
As obras permitiron, entre outras actuacións, derrubar unha vella estrutura de formigón, limpar o cumio, plantar árbores autóctonas e mellorar o Centro de Interpretación do Pico Sacro e o sendeiro que leva ao monte
 
Ata o 25 de marzo permanece aberta a terceira convocatoria destes galardóns, á que poden concorrer os concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades e os consorcios locais galegos que cumpran os requisitos
 
Román Rodríguez e Nava Castro, en Boqueixón.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,  polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitou o Pico Sacro, onde están a piques de rematar as obras do proxecto para a posta en valor deste emblemático monte e da súa contorna. Estas actuacións contaron con achegas de 388.000 euros da Consellería de Cultura e Turismo, concedidas a través do Premio Galicia Parabéns 2017.

Román Rodríguez destacou que “a Xunta logrou sumar neste proxecto varias das súas políticas máis significativas, como son a eliminación do feísmo arquitectónico, a protección da paisaxe, a promoción das rutas xacobeas e o coidado do patrimonio histórico e natural, todo co fin de facer a Galicia un destino turístico diferenciado e de primeiro nivel”.

A primeira das actuacións que se levou a cabo a finais de 2017 foi a demolición dunha estrutura de formigón inacabada na subida ao cumio do Pico, que databa dos anos setenta. Ademais, tamén se substituíu a cuberta do actual depósito municipal de augas por outra de tipo vexetal. Deste xeito, eliminouse o impacto paisaxístico que estas estruturas provocaban na contorna do monte.

Por outra banda, tamén se realizaron traballos de limpeza nas covas do cumio do Pico Sacro, baixo a supervisión de especialistas para non danar a estrutura das galerías. De xeito paralelo, na contorna do monte leváronse a cabo actuacións forestais como a limpeza do terreo no que se atopa a Capela de San Sebastián, así como a plantación de especies arbóreas e arbustivas autóctonas para recuperar a beleza da paisaxe natural deste enclave.

O primeiro Galicia Parabéns tamén permite levar a cabo unha profunda rehabilitación do Centro de Interpretación do Pico Sacro, situado na antiga casa reitoral da parroquia de Lestedo. Así, substituíuse a carpintería das fiestras, recuperouse o chan da planta baixa do edificio, ademais de labores de drenaxe e climatización co obxectivo de garantir a durabilidade do edificio.

Finalmente, estanse a rematar actuacións de mellora no roteiro entre o centro de interpretación e o cumio do Pico Sacro, que coincide en parte coa Vía da Prata, unha das Rutas Xacobeas polas que se chega a Santiago de Compostela.

O conselleiro tamén quixo agradecer o esforzo que está a facer o Concello de Boqueixón para a promoción do Pico Sacro, “que xunto a Santa Tecla e ao Pindo forma parte dos montes máis recoñecidos de Galicia”. Deste xeito, lembrou que outra achega da Axencia de Turismo de Galicia tamén permitiu a implantación dun sistema de información mediante unha aplicación para teléfonos intelixentes que permite dinamizar o turismo no Pico Sacro tamén a través das novas tecnoloxías.

Premio ao embelecemento da paisaxe

O proxecto de Boqueixón no Pico Sacro é un dos catro premiados pola Consellería de Cultura e Turismo nas dúas convocatorias que se teñen celebrado dos Premios Galicia Parabéns. Tamén recibiron este recoñecemento, o concello de Portomarín e os de Mondoñedo e Celanova.

A terceira convocatoria permanece aberta ata o vindeiro 25 de marzo. Cun investimento global de 800.000 euros para 2019 e 2020, a Xunta de Galicia premiará dúas novas actuacións destinadas a mellorar as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma. Poderán participar concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais que cumpran os requisitos que poden consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!