22 abr 2019

A Cidade da Cultura abre ao público o novo espazo verde do Xardín do Teatro

 O Gaiás transforma o baleiro deixado polo edificio non construído do Teatro da Música nun espazo verde de 11.574 m2 dedicados á cultura, ao deporte e ao lecer

 
O Xardín do Teatro inclúe árbores de 30 especies de todo o mundo, un anfiteatro ao aire libre, estanques e instalacións para practicar deportes urbanos
Novo espazo na Cidade da Cultura.

A Cidade da Cultura abriu ao público o Xardín do Teatro, o espazo verde co que culmina a transformación do baleiro deixado polo Teatro da Música, un dos dous edificios do Gaiás que non se chegou a rematar. Este novo xardín, de 11.574 metros cadrados, conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza.

O proxecto do Xardín do Teatro foi realizado polo estudio de arquitectura de Compostela RVR conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de diversidade e universalidade, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, complementando así ao Bosque de Galicia, que aposta polas árbores autóctonas.

En total, esta nova área verde inclúe 3.840 plantas e 187 árbores de 30 especies procedentes de zonas con clima oceánico e temperado, de países como Xapón, Nova Zelandia, a costa noroeste dos Estados Unidos ou a costa sur de Chile. Ademais, conta con tres estanques, un anfiteatro ao aire libre con capacidade para preto de 400 persoas, áreas de xogos, equipamento para deportes urbanos como escalada e skate, así como 400 metros de sendeiros e puntos de descanso.

Na escolma das árbores, ademais do criterio xeográfico e de adecuación ao clima de Galicia, buscáronse especies que ofrecesen contrastes cromáticos atractivos na cor das follas nas distintas estacións. Todas son de folla caduca, con porte entre 15 e 25 metros e con forte coloración no outono, de xeito que os verdes da primavera mudarán en mesturas de vermellos, laranxas, amarelos, cobres ou púrpuras. Así, o visitante atopará pradairos, carpes, faias, lodoeiros, acacias, olmos, freixos, árbores do ferro, ademais de carballos, salgueiros, bidueiros ou ameneiros, entre outras variedades.

En canto ás herbáceas, no xardín medrarán plantas aromáticas que enriquecerán a visita cunha compoñente olfactiva (xasmín, romeu, salvia, lavanda...). Xunto a elas, atópanse tamén especies acuáticas (xuncos, xacintos de auga...) e rubideiras (hedra, parra...), que gabearán cubrindo parte das estruturas de obra xerando unha integración co conxunto de proxecto.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!