21 nov 2013

A Organización Mundial do Turismo edita un libro sobre experiencias turísticas sustentables entre as que se atopa o Camiño de Santiago

O volume leva por título ‘Historias de Turismo. Como o turismo enriqueceu a miña vida’ e inclúe as experiencias de 14 personaxes en 14 lugares do mundo.

O capítulo dedicado á Ruta Xacobea correu a cargo de José Antonio de la Riera e titúlase ‘Tras os pasos dos peregrinos a Santiago’.

O Camiño de Santiago é o único lugar de España elixido para situar unha das catorce experiencias do libro, que se sitúan tamén en Costa Rica, Australia, Perú, Malaisia, Líbano, Ruanda, Chipre, Israel, Xordania, Vietnam, Exipto, Bélxica e Sudáfrica.
 

A Organización Mundial do Turismo, axencia especializada das Nacións Unidas para a promoción e desenvolvemento dun turismo responsable e sustentable, así como universalmente accesible, ven de editar un libro co obxecto de promover os valores esenciais do turismo.

Na publicación, de 72 páxinas e a cargo de Anita Mendiratta e escrita en inglés, recóllense as experiencias turísticas de 14 personaxes baixo o título Historias de Turismo. Como o turismo enriqueceu a miña vida. Os personaxes desenvolven experiencias relacionadas co turismo en países como Costa Rica, Australia, Perú, Malaisia, Líbano, Ruanda, Chipre, Israel, Xordania, Vietnam, Exipto, Bélxica e Sudáfrica, ademais de España, que está representada a través do Camiño de Santiago.

O capítulo dedicado á Ruta Xacobea está escrito por José Antonio de la Riera, expresidente e un dos fundadores da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Galicia. O capítulo de De la Riera titúlase Tras os pasos dos peregrinos a Santiago. Nel, o autor exemplifica no lugar de Santiago de Olveiroa, no Camiño de Fisterra e Muxía, como o turismo ben entendido pode servir de elemento revitalización e transmisor de valores universais.

De la Riera fala da súa vocación percorrendo os Camiños de Santiago, de como foi posible restaurar e adaptar ao século XXI unha experiencia de peregrinación medieval e do fermoso de conservar e transmitir ás xeracións vindeiras o noso patrimonio material e inmaterial.

José Antonio de la Riera é un dos máis significativos coñecedores do Camiño de Santiago. Impulsou o equipo que no ano 1992 iniciou a recuperación do Camiño Portugués; traballou co sacerdote galego Elixio Ribas na investigación do Camiño do Sudeste ou Mozárabe galego e formou parte do equipo que sinalizou e puxo en valor os Camiños de Fisterra e Muxía e o Camiño Inglés entre Ferrol e Neda.

O primeiro dunha serie de libros
No prefacio do libro, o secretario xeral da Organización Mundial do Turismo, Taleb Rifai, informa de que case tres millóns de persoas fan turismo cada día arredor do mundo. O pasado ano, mil millóns de viaxeiros cruzaron as fronteiras internacionais. Segundo Taleb Rifai, “ (...) ao mesmo tempo que os establecementos abren as súas portas, a xente do mundo abre os seus corazóns e mentes para un maior entendemento”. Segundo explica Rifai, “o turismo non só é unha impresionante forza económica e de desenvolvemento senón que é xerador de valores e de comunicación entre as xentes dos pobos do mundo”.

No texto introdutorio, o secretario xeral da OMT anuncia que este libro é o primeiro dunha serie que este organismo se propón editar e no que se amosará como o turismo pode cambiar as vidas da xente e como a xente pode cambiar o seu futuro e o das súas comunidades.

VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago
No marco dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, a cidade de Compostela acollerá o I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo entre o 18 e 20 de setembro coa colaboración da Organización Mundial do Turismo. Este congreso converterá a Galicia no centro mundial de referencia das peregrinacións de todo o mundo e afianzará a imaxe da nosa comunidade como o gran centro de peregrinación, espazo de encontro de culturas e berce de todas as relixións.
 

Arriba
Axúdanos a mellorar!