11 dec 2013

Turismo e Cruz Roja española asinan un acordo para desenvolver accións de colaboración entre ambas entidades centradas na internacionalización e no apoio aos colectivos desfavorecidos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o presidente de Cruz Roja Santiago, Leopoldo Vaamonde asinaron en Compostela un acordo para poñer en marcha accións de colaboración para as que se subscribirán acordos específicos.


Neste ano, Turismo de Galicia e Cruz Roja Española colaboraron coa organización dunha Velada Solidaria que contou tamén coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia e o presidente de Cruz Roja Española.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e máis o presidente de Cruz Roja Santiago rubricaron  un acordo de colaboración entre Cruz Roja Española e mais o Centro Superior de Hostelería de Galicia, entidade dependente de Turismo de Galicia, que ten por obxecto a posta en marcha de accións de colaboración entre ambas entidades. Así, en virtude deste acordo, Turismo de Galicia, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia, comprométese a planificar, dar seguimento e avaliar aqueles proxectos que ambas partes poidan considerar interesantes para a súa organización e determinar accións para desenvolver no marco dos mesmos.

Para desenvolver estas accións, subscribiranse acordos concretos e plans específicos. O acordo entre ambas institucións terá validez durante un ano. Segundo manifestou a directora de Turismo, Nava Castro, “agardamos que este convenio sexa o comezo dunha serie de accións colaborativas que axuden tanto a Turismo de Galicia como á Cruz Roja Española a acadar os nosos obxectivos e a traballar cada día na procura da excelencia”.

De igual modo, a directora de Turismo resaltou a importante labor de Cruz Roja Española e indicou que a asistencia ás persoas máis desfavorecidas e a aquelas que sofren as consecuencias da crise socioeconómica é un dos obxectivos primordiais desta entidade. No que vai de ano, máis de dous millóns de persoas puideron contar coa axuda desta institución. Máis de 200 mil voluntarios teñen contribuído a que esta realidade sexa posible. Así, as persoas maiores, os inmigrantes, as persoas con discapacidade, os afectados por VIH, os desempregados ou os menores contan co apoio dos profesionais desta organización que traballa por mellorar a vida dos outros.

A directora de Turismo indicou tamén que a labor internacional de Cruz Roja Española permite trasladar a súa axuda aos países con situacións máis extremas, que necesitan poñer en marcha accións de desenvolvemento ou que atravesan conflitos e crises alimentarias. Segundo lembrou, os alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia, que realizan prácticas en países de todo o mundo e que desenvolven actividades paralelas á súa actividade formativa, xa colaboraron en dúas edicións con iniciativas postas en marcha dende a Cruz Roja.

Nava Castro comentou que “Turismo de Galicia, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia, ten camiñado da man de Cruz Roja Española e temos posto en marcha iniciativas como a Velada Solidaria, en colaboración tamén co Conservatorio Profesional de Música de Santiago, que celebrou a súa segunda edición neste 2013 e na que varios grupos musicais ofreceron concertos que estiveron acompañados dun cóctel servido polos nosos alumnos do centro”.

E resaltou así mesmo que “estas experiencias, de solidariedade, de axuda, de apoio e de traballo desinteresado forman parte tamén da traxectoria formativa dos profesionais do sector turístico do mañá”.


Esta fin de semana a alumna do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Elena Vázquez Candanedo foi elixida como gañadora do prestixioso concurso internacional Hyatt Student Prize 2013. O Centro Superior de Hostelería foi seleccionado entre as 19 mellores escolas de Europa. A alumna realiza o último curso de Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hoteleiras e é a única participante española no Hyatt Student Prize. Como premio permanecerá unha semana de prácticas na central da cadea Hyatt en Chicago. Hyatt Hotels Corporation é unha compañía con presenza en 45 países e con máis de 380 establecementos de aloxamento.

A directora de Turismo sinalou a este respecto que esta é unha mostra “da gran capacidade e talento dos nosos mozos e das moitas posibilidades que teñen de establecer lazos de colaboración e de internacionalizar o sector turístico galego”.

Tanto o Centro Superior de Hostelería de Galicia como a Cruz Roja Española traballan en proxectos de formación con mozos facilitando a súa integración e empregabilidade no mercado laboral con gran éxito e, tendo en conta tamén que o Centro Superior de Hostelería de Galicia traballa pola internacionalización a través da súa alianza con institucións afíns.

Arriba