14 nov 2016

Turismo de Galicia achega o Camiño de Santiago aos alumnos de primaria a través dun proxecto interactivo

O Colexio de Educación Infantil e Primaria Domingo Fontán, en Portas –Pontevedra- acolleu o programa “Un caderno no Camiño”

A iniciativa visitará un total de 20 municipios galegos por onde pasan os distintos itinerarios xacobeos

Os escolares concienciaranse da importancia da Ruta como fonte de cultura, patrimonio e riqueza e afondarán nos recursos turísticos e naturais

Ademais dos contidos expostos nun libro que narra a peregrinación de Sophie e do seu avó, dispóñense dous cadernos de actividades para rapaces e docentes

O Colexio de Educación Infantil e Primaria Domingo Fontán, en Portas –Pontevedra- acolleu a iniciativa Un caderno no Camiño, un conxunto de actividades dirixidas a alumnos de primeiro ciclo de primaria baseadas na realización da Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.

O proxecto, promovido por Turismo de Galicia, ten como obxectivo que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación así como a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.

Para isto, a acción inclúe unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño e dous cadernos de actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.

O libro interactivo conta a historia de Sophie e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia, costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información adicional.

O caderno de actividades dirixido aos alumnos amplía os contidos do libro con documentación sobre recursos culturais, artísticos, patrimoniais, gastronómicos e naturais dos lugares polos que pasan os peregrinos na realización do Camiño. Pola súa parte, o caderno para docentes propón diferentes traballos para realizar cos alumnos na aula.

20 municipios galegos

A actividade desenvolveuse xa en escolas de seis municipios galegos polos que transcorren diferentes itinerarios da Ruta Xacobea, concretamente nos concellos de Barreiros e Abadín, en canto ao Camiño do Norte; en Guntín e Baleira, no Camiño Primitivo; en Arzúa, no Camiño Francés; e en Portas, no Camiño Portugués.

Nas próximas semanas visitará os municipios de Mesía, no Camiño Inglés; Toques e Friol, no Camiño Primitivo, Boimorto, Guitiriz, Begonte e Mondoñedo, no Camiño do Norte; Negreira, na Ruta Fisterra-Muxía; e Laza, na Vía da Prata, entre outros.

En total serán vinte municipios galegos polos que transcorren as Rutas Xacobeas na nosa comunidade os que participarán nesta iniciativa de Turismo de Galicia.

Arriba