19 xuñ 2017

Os nenos premiados no concurso Chefs Saudables aprenden bos hábitos de alimentación no Centro Superior de Hostelería

 Os escolares dos catro colexios que elaboraron as mellores receitas neste certame reciben unha clase maxistral có profesor de pastelería do CSHG Aitor Maiora

 O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) recibiu a visita dun amplo grupo de escolares como premio por gañar o certame Chefs saudables. Durante a xornada, coñeceron xunto aos profesionais do Centro bos hábitos de alimentación e a importancia que esta ten para o seu crecemento.

Da man do profesor de pastelería do CSHG Aitor Maiora, que elaborou diante eles unha serie de receitas sinxelas, saborosas e saudables, os cativos aprenderon a preparar doces e recibiron información sobre os nutrientes que deben incluír na súa dieta diaria.

Acompañados dos seus profesores, os nenos premiados gozaron dun pequeno almorzo antes de entrar en faena na aula de repostería, unha actividade que perseguiu sensibilizalos e xerar neles costumes saudables, en liña co citado concurso no que participaron máis de 30 colexios e 2.700 nenos de Educación Infantil e Primaria da provincia de Ourense.

A receita gañadora foi a do CEIP Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro, consistente en salmón en papillote gornecido con patacas e corazóns de leituga primaverais. Tres colexios recibiron accésits. Foron o CEIP Virxe Pena da Sela, do Irixo, polos seus aguacates recheos de atún, bocados de pavo e mazá e sorbete de sandía; o CEIP Sarreaus, polos seus xeados saudables; e o CEIP Mariñamansa da capital ourensana, pola súa Flor de Primavera.

Aposta do CSGH pola gastronomía saudable

A actividade desenvolvida no Centro Superior de Hostelería de Galicia afonda na súa aposta pola gastronomía saudable, un eido ao que xa dedicou o II Gastroforum celebrado o pasado mes de maio. Entre os temas abordados nas xornadas estivo o compromiso social da restauración galega coa dieta atlántica saudable, da que falou o doutor Aniceto Charro. O cociñeiro Alberto Prelic, do restaurante Silabario de Tui que conta cunha Estrela Michelin, ensinou aos asistentes como preparar un menú seguindo as recomendacións desta dieta.

O CSHG é un centro de prestixio cunha ampla traxectoria en xestión que forma a directivos hoteleiros e a cociñeiros. A gastronomía saudable é unha das temáticas que se lles ensina aos alumnos, sobre todo aos de cociña. Máis de 2.500 profesionais formados no Centro Superior de Hostelería de Galicia traballan na actualidade en todo o mundo desenvolvendo o seu traballo baixo parámetros de calidade e promovendo a alimentación saudable.

 
Arriba