19 xuñ 2017

Turismo de Galicia acada o compromiso da principal axencia de viaxes online chinesa de visitar a Comunidade este ano

 Nava Castro rematou a súa visita ao país asiático tras expoñer en Shanghai ante representantes de Ctrip as singularidades da oferta turística da Comunidade

Os profesionais da multinacional asiática afirman que Galicia pódese converter nun destino cun enorme interese para os seus máis de 250 millóns de usuarios

O encontro senta as bases para explorar fórmulas de colaboración que permitan intensificar a chegada de viaxeiros chineses á Comunidade galega

 

 Ctrip, a principal axencia de viaxes online na China e unha das primeiras do mundo, visitará Galicia este ano para coñecer sobre o terreo os atractivos turísticos da Comunidade galega. Así o acordaron representantes da empresa coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que mantivo unha reunión con eles en Shanghai, a cidade onde ten a súa sede esta compañía que conta con máis de 250 millóns de usuarios e cuxa app de reservas supera os 2.000 millóns de descargas.

Castro presentou en Ctrip a oferta turística galega, coas singularidades que a distinguen doutros destinos europeos e españois e a fan atractiva ao longo dos 365 días do ano. O Camiño de Santiago, cun interese crecente entre os chineses, ou a gastronomía foron dous dos signos de identidade de Galicia que máis interesaron aos profesionais da axencia. Neste sentido, apuntaron que Galicia pódese converter nun destino cun enorme interese para o público de Ctrip. O obxectivo deste encontro profesional fundaméntase en explorar distintas fórmulas de colaboración para intensificar a chegada de turistas chineses a Galicia.

Pola súa banda, os profesionais de Ctrip expuxeron ante a delegación de Turismo de Galicia as súas liñas de traballo, algunhas de gran interese como o big data, que podería servir de utilidade para o desenvolvemento da Estratexia de turismo de Galicia 2020, na que a aposta pola internacionalización, a innovación e as TICs é un dos obxectivos marcados.

Ctrip, multinacional fundada hai case dúas décadas en Shanghai, é nestes momentos o provedor líder de servizos de viaxe coma reservas de aloxamento, billetes para voos e trens, paquetes de vacacións e xestión de viaxes de empresa, entre outros. A súa rede de reserva inclúe un millón de hoteis en 200 países e a rede de voos cubre máis de 5.000 cidades.

Obxectivos da visita cumpridos

Esta reunión cos membros de Ctrip en Shanghai foi a última parada da visita institucional de Nava Castro, da que volve despois de lograr estreitar lazos no eido turístico con numerosos axentes do sector. Ao longo desta semana, a directora de Turismo de Galicia mantivo encontros en tres cidades: Pekín, Cantón e Shanghai. Na capital chinesa, Castro foi recibida pola Administración Nacional de Turismo (CNTA) para coñecer as características do perfil do turismo emisor chinés; e tamén se entrevistou co director do Xardín Botánico, Wang Ying Wei, con quen afondou no potencial da Ruta da Camelia, que percorre unha ducia de lugares emblemáticos de Galicia como pazos, fortalezas, casas señoriais e xardíns.

Tamén tivo ocasión de presentar a oferta turística da Comunidade ante axentes turísticos do país asiático nun acto no Instituto Cervantes. Despois, desprazouse a Cantón para celebrar o Día Mundial da Tapa xunto ao chef do Grupo Nove Iñaki Bretal, que ofreceu aos asistentes un showcooking con algúns dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega.

 
Arriba