19 xuñ 2017

Operadores turísticos e asociacións de persoas con mobilidade reducida visitan os recursos turísticos accesibles de Galicia

 Participan nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia que dá resposta ao compromiso da Administración autonómica no deseño dunha oferta turística inclusiva

 Diferentes operadores especializados do ámbito nacional e asociacións de persoas con mobilidade reducida coñecerán a Comunidade galega, nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia, froito do compromiso da Administración autonómica por impulsar unha oferta turística inclusiva.

Nesta viaxe participan os operadores e axencias de viaxes especializados neste tipo de turismo AccesibleMadrid, Touradapt, Accesitravel e Travel Xperience. Esta acción de promoción da oferta accesible de Galicia centrarase nas rutas turísticas de turismo cultural e patrimonial para persoas con mobilidade reducida na costa galega.

Trátase dunha viaxe enmarcada no compromiso de Turismo de Galicia por incentivar unha oferta de turismo accesible, incluído na Estratexia do Turismo de Galicia 2020 e no Plan de Accesibilidade Turística de Galicia e do Camiño de Santiago.

Iniciativas que inclúen, entre outras, o impulso da oferta de turismo accesible, a sinalización e a formación e sensibilización do sector, así como o deseño de material promocional dirixido a persoas con discapacidade, a presenza nas principais feiras turísticas especializadas en diversidade e organización de viaxes de familiarización.

Desde a India

Por outra banda, este días o xornalista Amit Dixit, editor da publicación Outlook Traveller India, visitou a Comunidade galega para coñecer distintos aspectos da oferta turística galega, tanto da costa como do interior.

Nesta viaxe, Amit Dixit puido coñecer tamén parte da gastronomía e o enoturismo. Outlook Traveller é unha revista impresa especializada en viaxes que conta cunha tiraxe de 80.000 exemplares e 698.000 lectores.

 

 

 

Arriba