01 nov 2017

Galicia recibiu en setembro un 2% máis de turistas e xa suma preto de 4,2 millóns de visitantes no que vai de ano

 Setembro remata con preto de 600.000 viaxeiros aloxados, que realizaron case 1,2 millóns de pernoitas, un 6% máis que no 2016, e fixa novos máximos históricos

 
A estadía media mellora un 4% na Comunidade mentres cae no conxunto estatal
 
Os hoteis e os apartamentos turísticos incrementan a súa demanda ao redor do 10% e o turismo rural tamén avanza un 4,3% nos nove primeiros meses do ano
 
“Estes rexistros volven avalar o traballo que o sector turístico galego está a facer na nosa Comunidade no marco da Estratexia de turismo de Galicia 2020”, declarou Nava Castro, que presentou o balance do ano en rolda de prensa en Pontevedra
 

 O sector turístico galego continúa a crecer a bo ritmo, avanzando de xeito sostido no seu modelo de turismo responsable, e acada novos récords en setembro. No noveno mes do ano, Galicia recibiu un 2% máis de visitantes, o que lle permite sumar preto de 4,2 millóns no conxunto de 2017, cifra que supón un máximo histórico. Destes datos, difundidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), informou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, nunha rolda de prensa na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, provincia con subas por riba da media.

No referente ao balance anual, unha vez rematada a tempada estival, a directora subliñou o feito de que as pernoitas se teñan incrementado un 5,2%, ata superar as 8,8 millóns, un valor non acadado nunca antes na nosa Comunidade. Esta subida vén acompañada doutra alza moi salientable, a da estadía media, que xa medra un 3% de media nos aloxamentos, ao contrario do observado na dinámica estatal, que acumula unha caída próxima ao 1%.
 
A mellora dáse tanto no turismo nacional, cun incremento do 4,3% na demanda, como no internacional, que se eleva un 8,2%, o que propicia rexistros nunca vistos en ambos casos.
 
Por tipoloxía de aloxamento, os establecementos hoteleiros medraron un 6,2%, mentres que os extrahoteleiros, un 1,3%. Cómpre subliñar o crecemento dos hoteis e dos apartamentos turísticos, que ronda o 10% en ambos casos, e do turismo rural, que avanza un 4,3%.
 
Peso do turista internacional
 
Neste balance anual teñen especial influencia os datos acadados en setembro, cunha suba do 2% na cifra de viaxeiros, ata case os 600.000, e do 6% no de noites, ata as 1,2 millóns. A mellora vén da man tanto do turismo nacional como do internacional, que medran un 4,5% e un 9,7%. Especialmente salientable é o feito de que os visitantes estranxeiros representen case catro de cada dez. Ademais, a estadía media nese tempo medrou por riba do 4.
 
“Estes rexistros volven avalar o traballo que o sector turístico de Galicia está a facer na nosa Comunidade no marco da Estratexia de turismo de Galicia 2020, o documento que desde a Xunta de Galicia deseñamos da man do sector”, declarou Nava Castro. Como lembrou, esta Estratexia, que conta cun investimento de 240 millóns de euros, ten como piares a calidade e a sustentabilidade e destina a maior parte dos seus recursos á natureza, á paisaxe, aos valores diferenciadores da Comunidade, á mobilidade e aos Camiños de Santiago.
 
Pontevedra, por riba de media
 
Ao comparecer en Pontevedra, a directora de Turismo de Galicia fixo especial referencia aos datos desta provincia, que experimenta unha mellora aínda máis intensa que o conxunto de Galicia. No acumulado do ano, a demanda neste destino aumentou un 12% e acada os 1,2 millóns de turistas e as 3,1 millóns de noites. No que se refire ao mes de setembro é especialmente significativa a mellora do turismo rural, cun 25% máis de pernoitas
 
Arriba