08 xul 2013

Turismo de Galicia e Portos de Galicia asinan un convenio para a promoción do Turismo Náutico na feira Grand Pavois de La Rochelle

Tratáse dun dos eventos máis relevantes do panorama náutico internacional e conta con máis de 860 expositores de 35 países.
A directora de Turismo de Galicia destacou o potencial do turismo náutico como factor de desenvolvemento económico e resaltou as singulares condicións do destino Galicia para a práctica deste tipo de turismo.
O presidente de Portos de Galicia subliñou que a colaboración entre diferentes departamentos autonómicos, á que se sumarán tamén concellos, colectivos de empresarios e clubs náuticos reforzará a proposta de ‘Galicia, porto único’ coa que a nosa comunidade acada unha maior competitividade de cara ao exterior.
 

Turismo de Galicia e Portos de Galicia asinan un convenio para a promoción do Turismo Náutico na feira Grand Pavois de La Rochelle

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán asinaron un convenio de colaboración para a promoción do Turismo Náutico de Galicia na feira Grand Pavois que se celebrará do 25 ao 30 de setembro na vila francesa de La Rochelle.
Segundo explicou a directora de Turismo, Nava Castro, este salón celebrouse por primeira vez no 1973 e tras estes 40 anos converteuse nun dos eventos máis relevantes e con maior tamaño do panorama náutico internacional. Nos 100.000m2 cos que conta esta feira, 10 mil están dedicados a sala de “Equipos e servizos”. Ademais haberá 13 espazos temáticos, 700 embarcacións, 300 peiraos flotantes e mais de 860 expositores que representan a 35 países diferentes.
Dada a importancia deste evento, a feira conta con máis de 200 periodistas franceses e prensa internacional acreditada durante os seis días. Segundo a directora de Turismo, Grand Pavois será “o maior escaparate do turismo náutico internacional deste ano e Galicia, a través de Turismo e Portos de Galicia, estará presente cun stand de 48m2 no que se integrará toda a oferta dos portos e as instalacións náuticas da nosa comunidade”.
A directora de Turismo falou tamén da cultura mariñeira como elemento diferencial para o destino Galicia, así como dos recursos cos que conta a nosa comunidade para a práctica do turismo náutico. Do mesmo xeito incidiu en que Galicia conta con máis de 700 areais, dos que 128 están distinguidos coa Bandeira Azul, con rías navegables todo o ano, así como con recursos vinculados ou complementarios para a práctica do turismo náutico. Destacou que Galicia conta con 17 portos con Bandeira Azul, sendo a Comunidade Autónoma con máis instalacións náutico -deportivas co distintivo de Q de Calidade Turística, concretamente o 53,3% das instalacións náutico-deportivas con este distintivo están en Galicia.
Segundo dixo a directora de Turismo, “dende a Administración turística galega, queremos potenciar aquelo que nos fai especiais, no que podemos destacar para poder ofrecer experiencias que soamente se poidan gozar aquí, na nosa Comunidade Autónoma, polo que cómpre implementar sinerxías que nos permitan converter a práctica da náutica e os recursos a ela asociados nun factor de desenvolvemento para a Galicia costeira”.
Pola súa parte, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, destacou a importancia da participación de Galicia nun dos salóns náuticos máis importantes do mundo. A este respecto subliñou que a colaboración entre diferentes departamentos autonómicos, á que se sumarán tamén concellos, colectivos de empresarios e clubs náuticos reforzará a proposta de ‘Galicia, porto único’ coa que a nosa comunidade acada unha maior competitividade de cara ao exterior.
 

Arriba