12 mai 2014

A Xunta promove o turismo galego nas cidades chinesas de Shanghai, Cantón e Pequín

Ao longo desta semana, Turismo de Galicia participará en tres encontros cos operadores turísticos máis destacados destes mercados emisores.


Entre os días 13 e 16 de maio, tamén se promoverá o Camiño de Santiago na feira International Christian Resources Exhibition.

Presentación de Turismo de Galicia en Shanghai.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia promoverá ao longo desta semana o turismo galego no mercado chinés, ao presentar a oferta da comunidade galega aos operadores turísticos máis importante das cidades de Shanghai, Cantón e Pequín.

Esta misión de promoción turística está organizada por Turespaña e recalará hoxe luns día 12 de maio na cidade de Shanghai. Alí, Turismo de Galicia participará nunha presentación ao mercado turístico chinés, onde estarán presentes os principais operadores turísticos do país asiático. Mañá día 13, na mesma cidade, desenvolverase unha xuntanza de traballo na que Turismo de Galicia terá a oportunidade de expoñer ante os axentes de viaxe desta cidade chinesa os valores e os produtos turísticos da comunidade galega.

O mércores 14 de maio, a misión comercial trasladarase á cidade de Cantón, onde se desenvolverá outra xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos desta cidade.

Por último, Turismo de Galicia poderá participar nunha xuntanza cos principais axentes turísticos da capital chinesa, Pequín, o venres 16 de maio.

Camiño de Santiago
Por outra parte, Turismo de Galicia promoverá o Camiño de Santiago na feira International Christian Resources Exhibition, que se celebrará en Londres entre os días 13 e 16 de maio.

Trátase dun certame de carácter relixioso, no que Turismo de Galicia instalará un recinto de 21 metros cadrados.

Esta feira desenvolverase na contorna de Sandown Park e conta con ser a feira relixiosa de meirande éxito no Reino Unido, cunha longa traxectoria, xa que este ano celebra a súa 30 edición.

Neste certame, ao que Turismo de Galicia acode por segunda vez, estarán presentes expositores especializados en ofrecer produtos turísticos de carácter relixioso, a través de empresas, colectivos, asociacións, organizacións e institucións eclesiásticas.

Arriba