06 nov 2014

Dezaseis cadeas hoteleiras e empresas de turismo ofertan emprego nun workshop celebrado no Centro Superior de Hostalería de Galicia

A sétima edición do workshop de recursos humanos, organizado polo Club de Antigos Alumnos do CSHG, contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia.


Iberostar, NH Hotel Group, W Barcelona, AC by Marriott, Barcelona Crew, Palladium Hotel Group, H10 Hotels, Vincci Hoteles, Ritz Carlton- Arts Barcelona e Meliá, son algunhas das empresas participantes.

Nava Castro, de camiño ao workshop do CSHG.

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) celebrou o VII Workshop do Club de Antigos Alumnos ao que asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Nesta sétima edición do workshop de recursos humanos participaron preto dun cento de directivos hostaleiros formados nos plans de estudo do Centro Superior de Hostalería de Galicia e dezaseis cadeas hoteleiras e empresas do sector turístico. En total os responsables de recursos humanos das diferentes empresas participantes realizaron un total de 400 entrevistas.

O CSHG e o Club de Antigos Alumnos celebran cada ano o dito workshop co obxectivo de que os profesionais formados no Centro consigan novas oportunidades no mercado laboral e, ademais, colaborar na mellora do sector turístico coa achega do persoal cualificado. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia, afirmou na súa visita que “é unha gran oportunidade para os profesionais do sector turístico formados nesta escola pero tamén unha ocasión inmellorable para os departamentos de recursos humanos á hora de seleccionar persoal”.

Nesta edición participaron por ver primeira Kempinski, Fontecruz Hoteles, Blue Diamond Hotels and Resorts and Memories Varadero Beach Resort , Riu e Six Rent a Car. Así mesmo, un ano máis repetiron a súa presenza Iberostar, NH Hotel Group con todas as súas novas marcas (NH Hotels, NH Collection, Nhow e Hesperia Resorts), W Barcelona, AC by Marriott, Barcelona Crew, Palladium Hotel Group, H10 Hotels, Vincci Hoteles, Ritz Carlton- Arts Barcelona, Meliá e HG Hoteles.

Moitas destas empresas colaboran co Centro Superior de Hostalería de Galicia a través de prácticas dos alumnos e xa contan con titulados do Centro entre o persoal das súas compañías.

Nava Castro sinalou que “despois de sete anos de celebración pódese confirmar que este workshop é beneficioso tanto para os candidatos como para as empresas xa que nas anteriores edicións se pecharon contratos na propia feira de emprego, outros a un mes vista e incluso realizáronse sinaturas de contratos no momento que a vacante se adapta ao perfil dese antigo alumno”.

Ofertas para incorporación inmediata
Todos os grupos e cadeas hoteleiras así como as empresas turísticas participaron no Workshop con ofertas reais de emprego tanto a nivel nacional como internacional. Blue Diamond Hotels con 31 vacantes, H10 puxo a disposición todas os postos de traballo do seu novo hotel en Lisboa -agás a de director-, MHI buscou directivos para aperturas internacionais, Riu e Iberostar subdirectores e cociñeiros, Ritz Carlton necesita persoal de sala para o seu Restaurante Arola, Barcelona Crew ofreceu sete vacantes para cociñeiros e recepcionistas, HG e AC Hotels by Marriott buscou directivos para Baqueira (Andorra) e Menorca, e Palladium necesita persoal para varias aperturas en Ibiza e buscou director para un hotel en México.

As empresas afirman que esta feira de traballo no CSHG é unha gran oportunidade para atopar moitos candidatos co perfil adecuado para os seus establecementos ao ter a opción de ver moitos perfiles distintos. Este workshop proporciona arredor dun centenar de candidatos tanto con perfiles de titulados recentemente como de profesionais con experiencia que procuran un cambio ou un ascenso na súa vida profesional.

Esta iniciativa súmase ás oportunidades que brinda o Centro Superior aos seus alumnos xa que a metodoloxía utilizada neste centro educativo que integra en cada curso as ensinanzas teóricas coa parte práctica contribúe á incorporación inmediata dos alumnos ás empresas turísticas ao rematar os estudos.

Arriba