19 xan 2015

O Xacobeo recibe a medalla da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comunidade valenciana

A medalla foi entregada pola Presidenta da Asociación en recoñecemento á colaboración que, ao longo dos anos, mantivo esta Sociedade da Xunta de Galicia co colectivo radicado en Valencia.

O xerente do Xacobeo aproveitou a súa estancia na Comunidade Valenciana para visitar a sede da Asociación que no pasado ano distribuíu preto de 7.000 credenciais.

Así mesmo, comprobou a sinalización do Camiño dende a cidade de Valencia ata Algemesi onde existe o primeiro albergue de peregrinos, de titularidade municipal, deste Camiño do Levante que no pasado ano acolleu a mais de 300 peregrinos, maioritariamente estranxeiros.

Asociación do Camiño de Santiago en Valencia.

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comunidade Valenciana entregou ao Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo a súa medalla en recoñecemento á colaboración que, ao longo dos anos, mantivo esta Sociedade da Xunta de Galicia co colectivo radicado en Valencia.

A medalla foi entregada pola Presidenta da Asociación, María Ángeles Fernández Fernández - tamén presidenta da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago- ao Xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.

María Ángeles Fernández fixo entrega da medalla “en recoñecemento á dilatada e inestimable colaboración do Xacobeo ao longo dos anos que permitiu sacar adiante moitos dos proxectos da nosa Asociación”.

Así mesmo, a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comunidade Valenciana resaltou na súa intervención o importante apoio que desde Turismo de Galicia, especialmente a través do Xacobeo, se ten realizado con dita asociación apoiando as súas iniciativas e actividades.

Pola súa banda, Rafael Sánchez agradeceu a distinción e transmitiu o agradecemento a esta Asociación e todos os seus asociados polo “impagable labor que día a día realizan na sinalización e difusión do Camiño de Santiago e a cultura xacobea”.

O xerente do Xacobeo aproveitou a súa estancia na Comunidade Valenciana para visitar a sede da Asociación que no pasado ano distribuíu preto de 7.000 credenciais.

Así mesmo, acompañado por membros deste colectivo, comprobou a sinalización do Camiño dende a cidade de Valencia ata Algemesi onde existe o primeiro albergue de peregrinos, de titularidade municipal, deste Camiño do Levante e que no pasado ano acolleu a mais de 300 peregrinos, maioritariamente estranxeiros.

Ademais visitou o Museo Valencià da Festa, dedicado á festa local de Nosa Señora da Saúde, declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade no ano 2011, onde está situada a oficina de atención ao peregrinos e a Basílica de Sant Jaume.

O Xerente do Xacobeo foi recibido polo Alcalde da cidade, ao que lle agradeceu o seu labor a prol do Camiño de Santiago e dos peregrinos que percorren esta ruta que dende Levante os achega ata Compostela.

Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas
O xerente do Xacobeo aproveitou a ocasión para invitar a participar á Asociación de Amigos do Camiño da Comunidade Valenciana ao Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas.

Unha das citas congresuais ineludibles para investigadores do fenómeno das peregrinacións que se celebrará os días 4, 5 e 6 de xuño en Santiago de Compostela coa finalidade de compartir información e experiencias, unir criterios e expoñer dificultades, intentando formular proxectos en común a beneficio do Camiño de Santiago.

Esta actividade enmárcase dentro dos actos que conmemoran o oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, que arrancaron a mediados de 2014 e que se prolongarán ata mediados de 2015. Durante este período, Turismo de Galicia trata de abordar, cunha programación moi especial, o legado iconográfico, artístico e de patrimonio inmaterial do Santo.

Arriba