27 set 2016

COMUNICADO DE TURISMO DE GALICIA POLO DÍA MUNDIAL DO TURISMO “TURISMO PARA TODOS: PROMOVER LA ACCESIBILIDAD UNIVERSAL”

Hoxe, 27 de setembro, celebramos o Día Mundial do Turismo baixo o lema “Turismo para Todos: Promover a Accesibilidade Universal”. A través del queremos prestar especial atención á importancia que ten que todas as persoas, sen excluír aquelas con algún tipo de discapacidade ou mobilidade reducida, gocen de pleno dereito a ser turistas e a facer uso dos servizos e produtos turísticos coa máxima autonomía e independencia.

Para que unha persoa discapacitada poida e queira viaxar, non só é necesario que dispoña de tempo libre e desexos de facelo, a ausencia de barreiras cando sae da súa contorna habitual convértese nun aspecto fundamental.

A realidade demostra que son moitas as persoas discapacitadas que non viaxan, non por falta de tempo ou desexos de viaxar senón por temor a non atopar destinos turísticos accesibles, é dicir, sen barreiras.

Pero o Turismo para Todos non se limita só á eliminación de barreiras físicas senón que implica que as contornas turísticas poidan ser gozados en igualdade de condicións por calquera persoa, discapacitada ou non.

Neste senso, un dos principais retos de Turismo de Galicia é consolidar Galicia como un destino cunha oferta de turismo social apta para todas as persoas, con independencia da súa idade, discapacidade ou situación.

Sen dúbida, o incremento dos destinos accesibles en Galicia e da oferta turística accesible é primordial para conseguir ser un destino diferenciado, con oferta específica para todo tipo de segmentos e caracterizado pola atención de calidade ao viaxeiro.

Deste xeito, a Xunta de Galicia traballa para o desenvolvemento dunha oferta turística de calidade que teña en conta as necesidades de todas as persoas.

Para iso desenvolvéronse diferentes liñas de actuación que abordan o turismo accesible dunha forma integral. Entre outras cabe destacar as múltiples accións formativas que se organizaron dirixidas aos profesionais do sector turístico, destinadas a dar a coñecer as vantaxes do turismo accesible para o sector e a ofrecer coñecementos e ferramentas para atender correctamente a este tipo de turistas. Así mesmo déronse as claves e axudas para que os establecementos turísticos de Galicia sexan accesibles.

Nesta liña, e tras varios anos analizando a oferta turística galega en materia de accesibilidade universal, no 2010 editouse a primeira guía de aloxamentos turísticos accesibles de Galicia que se actualizou en 2012. O obxectivo desta é ofrecer aos turistas con discapacidade e outras necesidades diversas, información obxectiva e veraz sobre as características de accesibilidade que presentan as diferentes categorías de aloxamentos desta comunidade.

Así mesmo, o pasado ano, coa colaboración da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF), desenvolveuse a redacción do Plan de accesibilidade turística de Galicia o cal inclúe un plan específico de diagnóstico e execución para a accesibilidade do Camiño de Santiago, produto turístico estrela da nosa Comunidade.

Seguiremos traballando para que todos, sen ningunha distinción, poidamos desfrutar de Galicia como destino turístico.

Arriba