14 out 2016

Galicia presenta a súa oferta turística nos mercados emisores máis importantes da India

Turismo de Galicia participou ata onte nas xornadas de promoción que se desenvolven nas cidades de Bombai, Bengalore e Calcuta

O departamento de Turismo da Xunta fixo fincapé na promoción do Camiño de Santiago e os produtos relacionados coa cultura, a natureza e a gastronomía

As cidades indias de Bombai, Bengalore e Calcuta acolleron días pasados as xornadas de promoción do destino Galicia nas que Turismo de Galicia presentou a oferta turística da Comunidade galega centrada no Camiño de Santiago e os produtos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía.

Nestas xornadas, organizadas por Turespaña, o departamento de Turismo da Xunta mantivo xuntanzas de traballo cos principais operadores turísticos do país asiático, considerado na actualidade como un dos mercados emisores emerxentes máis importantes.

Segmentación

Na súa estratexia de promoción turística neste mercado asiático, Turismo de Galicia aposta pola segmentación, de xeito que a promoción se basea en produtos específicos relacionados coa cultura, a gastronomía, a natureza, ademais das compras e os congresos. Ademais, como elemento diferencial, o departamento de Turismo da Xunta inclúe o Camiño de Santiago.

No eido da demanda turística, salienta o potencial deste continente, xa que en 2030, segundo datos de Turespaña, está previsto que os distintos mercados asiáticos xeren 530 millóns de turistas.

Arriba