19 abr 2016

Turismo presentou o destino Galicia a 118 operadores chineses en Hong Kong, Shanghai e Pekín

Turismo de Galicia participou nunha viaxe a China para promover a oferta e os servizos turísticos galegos entre os días 18 e 21 de abril.


Nestas xornadas de promoción directa participaron 160 representantes do sector turístico chinés.

Un total de 160 profesionais do turismo chinés que representaban a 118 empresas operadoras tiveron a oportunidade estes días de coñecer de preto o destino Galicia a través das presentacións que levará a cabo Turismo de Galicia nas cidades de Hong Kong, Shanghai e Pekín.

A entidade de promoción turística da Xunta promoveu así a oferta e os servizos turísticos galegos, apoiando a comercialización destes, nun dos mercados emerxentes máis interesantes para a Comunidade galega.

Esta actividade, organizada por Turespaña e que se iniciou en Hong Kong, contou coa participación de 40 operadores turísticos que representaban a 27 compañías relacionadas coa compra de viaxes organizados nesta cidade.

Turismo de Galicia participou tamén na presentación e workshop que tvivo lugar na cidade de Shanghai e na que participaron 50 profesionais do turismo que representaban a 41 empresas.

Por último, dentro desta viaxe promocional, o turismo galego presentóuse na capital de China, Pekín, onde paritciparon 70 axentes de viaxe que representaban a 50 empresa turísticas.

Mercado emerxente

No ámbito da promoción turística de Galicia, China constitúe un dos mercados emisores con máis potencial para a Comunidade galega, e neste sentido, Turismo de Galicia ven organizando distintas actividades de difusión da oferta e os servizos turísticos galegos entre os operadores turísticos e o público final dese país.

Ademais destas xornadas de promoción no territorio chinés, a entidade da Xunta de Galicia ten participado en certames turísticos como o Guangzhou International Travel Fair –o mercado turístico máis importante de China- e organizado viaxes de familiarización para que operadores e xornalistas puideran coñecer o noso destino.

En canto ao Camiño de Santiago, desde Turismo de Galicia tamén se organizaron actividades específicas de promoción como unha viaxe para xornalistas que tiveron a oportunidade de percorrer algúns tramos do Camiño francés.
 

Arriba