24 xan 2017

O recinto de Turismo de Galicia en Fitur rexistrou un máximo histórico de afluencia ao recibir 75 500 visitantes

Nava Castro sinala que a nosa comunidade celebrou un total de 30 presentacións entre as que destacaron as festas declaradas de interese turístico nacional e internacional e a promoción do turismo de natureza

Afirma que máis de 200 medios de comunicación galegos, españois e internacionais, visitaron o expositor interesados pola oferta turística galega

“Fitur converteuse, un ano máis, no mellor escaparate para difundir e promover o destino Galicia”, apunta

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, presentaron  o balance da participación de Galicia na 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid.

A directora de Turismo de Galicia destacou que o recinto de Galicia en Fitur rexistrou un máximo histórico de afluencia ao recibir máis de 75 500 visitantes, incrementando a súa afluencia en 1 500 en relación á pasada edición.

Nava Castro resaltou que no espazo galego, que contou cunha superficie de preto de 1 000 m2, estiveron representados todos os entes de promoción locais e provincias da Comunidade galega, así como, o Clúster de Turismo de Galicia.

A responsable de Turismo da Xunta de Galicia, destacou que a nosa comunidade celebrou un total de 30 presentacións das catro provincias galegas, dirixidas aos profesionais do sector e aos medios de comunicación. Como principais novidades, destacaron os actos promocionais das festas declaradas de interese turístico nacional e o espazo para a promoción do Turismo de Natureza, entre outros.

Así mesmo, o turismo galego cobrou importancia en Fitur grazas a outros importantes acontecementos como a entrega do Premio Trivago á cidade de Santiago de Compostela que a sitúa como a cidade española con mellor reputación e do Premio Excelencias Gourmet á Ruta da Lamprea, entre outros.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou, tamén, a visita ao mostrador de Galicia de importantes autoridades como a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e o ministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal.

Por outra parte, Nava Castro informou que o expositor contou cun total de 20 informadores turísticos que atenderon os 15 mostradores relacionados coas cidades e provincias galegas, os produtos e servizos turísticos, o Camiño de Santiago. Así mesmo, segundo sinalou, os profesionais do mostrador distribuíron máis de 200 000 folletos e outro material de promoción de todas as entidades oficiais e privadas que participaron no certame.

En canto á cobertura mediática, a directora de Turismo de Galicia destacou que polo posto de Galicia en Fitur 2017 pasaron máis de 200 medios de comunicación galegos, españois e internacionais, interesados pola oferta turística galega.

Segundo afirmou, tamén as xornadas dedicadas ao público final, o sábado e o domingo, foron un gran éxito. “Tanto as catorce actuacións da compañía de danza Entrecaixas e do grupo musical Xosé Lois Romero&Aliboria como os obradoiros de instrumentos musicais galegos e de artesanía contaron cun numeroso público”, sinalou.

Con todo, Nava Castro manifestou que Fitur se converteu, un ano máis, no mellor escaparate para difundir e promover o destino Galicia. “Un impulso para traballar intensamente neste 2017 para continuar na senda do crecemento incrementando o número de turistas que escollen a nosa comunidade”, concluíu.
Máis de 300 encontros profesionais

Pola súa parte, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia destacou que o espazo de traballo habilitado para o sector acolleu un total de 12 mesas de traballo.

Segundo afirmou, neste punto de networking participaron máis de 250 profesionais e albergou máis de 300 encontros tanto a nivel nacional como internacional.

Así mesmo, resaltou os encontros celebrados cos clústers de Turismo de Asturias, Monterrei e Romanía os cales, segundo manifestou, mostraron grande interese por profundar na xestión do clúster galego.

Arriba