22 mai 2017

A VI edición das Xornadas de Portas Abertas nas rutas dos viños poñen en manifesto o atractivo turístico da enoloxía galega

 Galicia é a única comunidade autónoma española que promove conxuntamente os seus territorios vinícolas

O visitante xa puido  acceder a pasada fin de semana de forma gratuíta ás adegas das zonas das denominacións de orixe de Rías Baixas e Ribeiro e realizar un amplo programa de actividades

O vindeiro fin de semana, as actividades desenvolveranse nas denominación de orixe protexidas de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras

A pasada fin de semana desenvolveuse a primeira parte da VI edición das Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeiro, un acontecemento integrador excepcional ao ser Galicia a única comunidade autónoma española que ofrece unha promoción conxunta dos seus territorios vinícolas.

A iniciativa permite un ano máis coñecer as diferentes adegas e o viño galego así como outros recursos da terra como a paisaxe, a etnografía ou o patrimonio.

Durante as xornadas o visitante pode acceder de xeito gratuíto e guiado a adegas das cinco denominacións de orixe de Galicia e realizar un completo programa de actividades nos establecementos participantes.

Ademais de visitas e catas en adegas e museos do viño, varios restaurantes de cada unha das zonas ofrecen dous menús especiais para a ocasión, que inclúen un primeiro e un segundo prato, acompañados de viño da correspondente denominación de orixe, e sobremesa. Tamén se ofrecen menús infantís para nenos menores de 12 anos.

Así mesmo, o visitante pode coñecer as distintas zonas de produción vitivinícola mediante rutas monumentais, paseos en barca, trens turísticos e outras iniciativas acompañadas de descontos en aloxamentos e eventos relacionados co mundo do viño.

Para achegarse ás diferentes bodegas participantes está en servizo, ademais, o Bus do Viño. Deste xeito, os participantes poden vivir a experiencia con total comodidade e despreocupación.

E así, logo de Rías Baixas e Ribeiro, a vindeira fin de semana, serán as denominacións de orixe protexidas de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras as que acollan estas xornadas.

Arriba