11 set 2017

Os entroidos galegos promociónanse polas rúas de Santiago de Compostela nun vistoso desfile de preto de 300 participantes

 Este ano estiveron presentes os de Ribeirao, máis coñecido como Volantes de Chantada, e o das Bonitas de Sande, como festas tradicionais convidadas

Nava Castro animou a peregrinos e visitantes a coñecer estas celebracións que se converten cada vez máis nun dos principais atractivos do inverno galego

 Os entroidos galegos promocionáronse nun vistoso desfile que, como cada ano, reuniu en Santiago de Compostela a representantes de varios entroidos declarados como Festas de Interese Turístico e, nesta ocasión tamén, os Entroidos Invitados de Ribeirao, máis coñecido como Volantes de Chantada e o das Bonitas de Sande, da provincia de Ourense.

O espectáculo –que percorreu varias rúas do casco histórico da Santiago de Compostela- permitiu unir a personaxes típicos como os cigarróns, os volantes ou os Xenerais na Ulla nun “evento único para promocionar o mellor das nosas festas máis representativas do inverno”, explicou a directora de Turismo, Nava Castro, momentos antes do desfile ao que asistiu acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

En total foron máis de 300 as persoas que promocionaron de maneira conxunta varios dos Entroidos máis característicos da nosa Comunidade como o de Xinzo de Limia, considerado como o entroido máis longo de España e probablemente do mundo. Tamén o de Verín, no que destaca o particular cigarrón, ese personaxe ao que nunca vemos a cara e que viste unha extravagante vestimenta que pode chegar a pesar ata 25 quilos.

Pero tamén estiveron presentes o Entroido de Viana do Bolo, famoso pola súa vinculación coa gastronomía, xa que está intimamente ligado á androlla, o exquisito embutido de porco típico da comarca; ou os de Manzaneda, que destilan autenticidade co seu desfile de folións, e o de Vilarino de Conso, no que o boteiro é o personaxe estelar e tamén se trata dunha cita festiva intimamente ligada á gastronomía coa festa do cabrito.

Ocasión única de promoción conxunta

O desfile organizado por Turismo de Galicia tamén contou coa participación de representantes do Entroido de Cobres, especial pola súa elegancia coas súas madamas e galáns, así como o dos Xenerais da Ulla, moi ligados ao Concello de Santiago e outros oito máis onde cada ano as súas batallas dialécticas se converten en citas imprescindibles.

Como Entroidos Invitados, participaron os de Ribeirao –máis coñecido como Volantes de Chantada- que destaca pola súa vestimenta, como unha das máis orixinais dos entroidos galegos; e o das Bonitas de Sande, coas figuras da Vaca e do Oso que protagonizan os seus días grandes.

Con esta iniciativa, Turismo de Galicia afonda nos seus obxectivos, marcados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo elaborada da man do sector para acadar un modelo de turismo tranquilo potenciando, entre outras medidas, os valores diferenciadores de Galicia nos que festas como os entroidos teñen un lugar destacado.

 

 

 

 

Arriba