25 set 2017

Galicia ve recoñecida a súa aposta polo turismo enogastronómico co premio ao mellor destino nacional outorgado por ‘La Razón’

O xurado valora que Galicia deseñase unha imaxe na que a cociña e os produtos autóctonos son unha das primeiras razóns para viaxar á nosa Comunidade

Nava Castro destaca traballo do sector na consecución deste recoñecemento e avanza o seu compromiso por traballar no vindeiro Plan de enogastronomía
 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu en Madrid o premio ao mellor destino gastronómico nacional, un galardón outorgado polo xornal La Razón á Comunidade galega ao abeiro dos seus premios Gastro&Cia, que convoca anualmente para pór en valor o traballo dos profesionais deste sector en España.

Como manifestou o xurado responsable de outorgar esta distinción, Galicia foi a elixida por ter conseguido deseñar e desenvolver unha imaxe na que a enogastronomía e os seus produtos autóctonos non son só centrais, senón que nestes últimos anos se converteron nunha das primeiras razóns na toma de decisión de viaxar á Comunidade galega.

Da man da ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, Nava Castro recolleu o premio que dedicou ao sector e ao “bo facer” transmitido de xeración en xeración dos miles de agricultores, gandeiros e mariñeiros que día a día traballan por coidar ao máximo os produtos galegos. Uns produtos, recordou, que despois transforman en saborosos pratos os responsables dos nosos restaurantes, tradicionais casas de comidas, pulperías, marisquerías ou locais da nova cociña galega. “O excelente traballo de todos eles fixo posible que hoxe recollamos con orgullo este premio”, recoñeceu.

Compromiso co sector

Do mesmo xeito, a directora de Turismo de Galicia destacou, ademais, o compromiso da Administración autonómica por continuar nesta boa liña de traballo coa posta en marcha do Plan de enogastronomía, un documento transversal con especial vínculo da cociña co resto de elementos diferenciadores do noso turismo, coa intención de fortalecer aínda máis o potencial turístico da cocina galega, os seus produtos e a imaxe como destino competitivo.

A distinción outorgada a Galicia inclúese nos premios Gastro&Cia, que cumpren este ano a súa segunda edición e cos que o xornal La Razón recoñece, ademais de a Galicia como mellor destino gastronómico, tamén o traballo dos profesionais deste sector, nas categorías de chef e sumiller do ano, chef de cociña internacional, restaurante do ano, proxecto enograstronómico, empresario hosteleiro do ano ou bodega do ano, entre outros.

 
Arriba