23 set 2017

Os hoteis galegos acadaron nos meses centrais do verán os seus mellores rexistros históricos de pernoitas e de ocupación

Preto de 1,3 millóns de viaxeiros aloxáronse nos nosos establecementos hoteleiros en xullo e agosto e realizaron 2,9 millóns de noites ficando máis tempo en Galicia

A Comunidade recibiu, por primeira vez, máis de 3 millóns de viaxeiros durante os oito primeiros meses do ano, con crecementos positivos de todos os mercados
 
Os últimos datos difundidospolo INE constatan o cumprimento dos obxectivos de calidade que a Xunta e o sector se marcan na Estratexia do turismo de Galicia 2020

 As sensacións positivas do sector turístico sobre a temporada estival confirmáronse hoxe ao coñecerse os primeiros datos oficiais tras o balance provisional feito a comezos de setembro. Durante os meses centrais da temporada estival, en xullo e agosto, os hoteis da Comunidade galega presentaron os seus mellores rexistros históricos en cifras tan relevantes como as pernoitas e a ocupación.

Os establecementos hoteleiros de Galicia recibiron nese tempo preto de 1,3 millóns de viaxeiros, que realizaron case 2,9 millóns de noites, unha cifra nunca antes acadada e que supón un 5% máis que no mesmo período do 2016. Neste sentido, Galicia foi unha das zonas de España máis dinámicas, co terceiro incremento máis destacado en pernoitas, só por detrás de Madrid e de Aragón. Os turistas ficaron de media máis días na Comunidade, o que mellorou tanto a estadía media como os niveis de ocupación. De feito, estes últimos conseguiron un récord histórico, cunha suba de 2,7 puntos tras cinco anos seguidos á alza.

Especialmente bo foi o comportamento dos viaxeiros internacionais, con aumentos do 8,7% no volume de pernoitas e do 2,2% no número de turistas, propiciando máximos históricos. Tamén o turista nacional deixou o seu mellor rexistro de noites de hotel, cun 6% máis.

Parámetros á alza en agosto

No caso particular do mes de agosto, para o que se achegan os primeiros datos definitivos xa pechados, obsérvanse tamén alzas en todos os eidos, con máis de 700.000 viaxeiros con 1,6 millóns de pernoitas nos hoteis da Comunidade. A estadía media neles medrou un 5,7% e a ocupación un 3,3%, mentres que ambos parámetros descenderon na media estatal.

A Enquisa de Ocupación Hoteleira difundida hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) permite, ademais, facer balance dos oito primeiros meses do ano. Neste sentido, obsérvase tamén unha evolución positiva, con máis de 3 millóns de viaxeiros aloxados que acumulan máis de 6 millóns de noites de hotel, cifras que constitúen novos récords para Galicia.

Esta mellora chega da man dos turistas galegos, dos turistas nacionais e dos internacionais, que superan nun 9,3% a súa cifra de pernoitas de 2016, e nun 4,5% a de viaxeiros.

Sustentabilidade e desestacionalización

Todos estes datos constatan o cumprimento dos obxectivos que Xunta e sector se marcaron na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento consensuado e aprobado a inicios deste mesmo ano e que fixa os retos e as oportunidades dun turismo responsable coa vista posta no Xacobeo 2021. A Estratexia traballa por afondar na calidade e a sustentabilidade de Galicia como destino competitivo, referente do turismo tranquilo, que aposta polos seus recursos propios como valor diferenciador. Isto contribúe a especializar e diversificar a súa oferta e, ao mesmo tempo, permite desestacionalizar a demanda turística ao longo do ano.

 

 

Arriba