30 out 2017

Nava Castro subliña que o gasto do enoturista é superior á media e mostra un gran interese polo patrimonio do destino

 A directora de Turismo participou na presentación da 13ª Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda, que recibiu 1.568 carteis de 62 países de todo o mundo

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  na presentación da 13ª Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda, que recibiu nesta edición 1.568 carteis procedentes de 62 países dos cinco continentes, o que achega á Comunidade una dimensión pola que Nava Castro felicitou a adega promotora desta cita.

A responsable de Turismo da Xunta de Galicia quixo facer fincapé no valor engadido que o enoturismo supón, como amosan recentes informes ao respecto. Neste sentido subliñou que o gasto do enoturista é superior á media e mostra gran interese polo patrimonio e a cultura do destino que visitan. Por iso, celebrou a aposta de Terras Gauda, que vai máis alá da súa produción vitivinícola e comprométese co fomento da arte e coa creación contemporánea.

“O enoturista é un bo prescriptor, cuxa estadía media e o seu nivel de gasto está a medrar. É, ademais, un turista tranquilo que lle gusta a Galicia”, sinalou Nava Castro. Por iso, como indicou, o enoturismo ocupa un lugar preferente na Estratexia de Turismo de Galicia 2020, que vela por un turismo de calidade e sustentable. “Trátase dun recurso que nos diferencia e nos enriquece, especializa a nosa oferta e axuda a desestacionalizar a demanda”, precisou.

“Un motivo máis para visitar Vigo”

A exposición da 13ª Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda poderá visitarse desde o 28 de outubro ata o 22 de novembro na Estación Marítima de Vigo. “É unha razón máis para visitar este outono Galicia, e particularmente Vigo e a súa contorna, que tan bos datos turísticos está a rexistrar”, salientou a directora de Turismo de Galicia, que lembrou que nos nove primeiros meses do ano a cifra de viaxeiros na cidade viguesa aumentou un 15%.

A directora de Turismo de Galicia reiterou o seu apoio a este evento e animou á adega a perseverar no seu traballo, co que “reinventa a tradición cultural do viño”. Isto encaixa con iniciativas da Xunta como a experiencia Paseando entre viñedos, un dos seus produtos de cabeceira, ou a campaña 5 galegas en París, que se promove na capital francesa. A través dunha orixinal creatividade, difunde a imaxe da Comunidade xunto ás cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.

 
Arriba