09 dec 2017

Turismo de Galicia remata o seu calendario anual de promoción do segmento de negocios coa participación na feira ILTM

 cidade francesa de Cannes acolleu esta semana este certame especializado no que se deron cita os operadores máis importantes do mundo

 

O departamento de Turismo da Xunta participou este ano nas principais reunións europeas deste sector para presentar as potencialidades e infraestruturas de Galicia como destino de congresos, convencións e reunións de empresa

A Estratexia do turismo de Galicia 2020 conta cunha liña específica para o turismo MICE polo seu carácter desestacionalizador e a súa capacidade de gasto

A presenza na ILTM afondou no mercado francés, cuxo número de viaxeiros medrou un 10% o pasado mes de outubro en relación ao mesmo período de 2016

Operadores especializados en MICE coñeceron a oferta galega la ILTM

A cidade francesa de Cannes acolleu o certame turístico especializado en turismo de negocios International Luxury Travel Market (ILTM), no que Turismo de Galicia participou para promover a oferta galega deste segmento entre os operadores especializados máis importantes do mundo.

O departamento turístico da Xunta estivo presente na XVI edición da ITLM a través dun espazo no que presentou a oferta galega no ámbito dos congresos, convencións e reunións de empresa e mantivo unha axenda de xuntanzas con axentes internacionais especializados na comercialización desta modalidade turística.

Con esta feira, Turismo de Galicia pecha o calendario anual de actividades relacionadas coa promoción do turismo de negocios, o denominado turismo MICE, despois de ter participado nos principais acontecementos nacionais e internacionais relativos á comercialización deste nicho de mercado que encaixa co modelo turístico galego.

O último deles, a feira IBTM World de Barcelona, contou coa presenza da directora de Turismo, Nava Castro, quen presentou Galicia como destino do turismo de congresos e eventos ante operadores internacionais, que puideron coñecer as potencialidades e infraestruturas da Comunidade para acoller este tipo de actividades.

Boas infraestruturas e ampla oferta

Galicia é un destino cada vez máis competitivo neste eido e se identifica con elevados estándares de calidade. Así o amosan, entre outros parámetros, o liderado nas Q de Calidade Turística, con preto de 300 establecementos e servizos recoñecidos despois de catorce anos consecutivos de crecemento, un caso único nas autonomías españolas. Tamén ten un gran potencial no chamado turismo bleisure, no que se combinan os negocios co tempo de lecer, termo xurdido dos vocábulos business e leisure en inglés.

A Estratexia do turismo de Galicia 2020, documento consensuado co sector que aposta por un turismo de calidade e sustentable, conta cunha liña específica para o turismo MICE, o que mostra a importancia que ten para o Goberno galego este mercado, consciente da capacidade de gasto deste perfil de viaxeiro e a súa influencia na desestacionalización. Esta potencialidade está avalada, ademais, pola capacidade hoteleira de Galicia, os seus palacios de congresos e feiras, conexións aéreas ou empresas, unidos a unha contorna e unha oferta recoñecida pola súa paisaxe, enogastronomía, termalismo e o seu patrimonio.

Demanda francesa

A presenza na ILTM de Cannes afondou no mercado francés, que o pasado mes de outubro rexistrou un bo comportamento ao superar nun 10% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 2,2% o volume de noites do pasado ano.

Con algo máis de 10.500 viaxeiros e preto de 14.700 noites, o mercado francés situouse en quinto lugar dentro do mercado estranxeiro e representa o 6,4% do total internacional.

 

Arriba