15 xan 2018

A Xunta pon en marcha a Comisión organizadora do Xacobeo 2021 co obxectivo de converter o vindeiro Ano Santo no mellor da historia

 Feijóo sinala que se creará a figura dun comisario, con dedicación absoluta da preparación do Xacobeo e que proporá e elevará as diferentes actuacións a desenvolver

Incide na “oportunidade histórica” que supón este evento, que reforzará o Camiño de Santiago e actuará como un dinamizador fundamental no ámbito cultural e económico

No que atinxe ás cifras de turismo do ano 2017, sinala o incremento interanual do 3% que rexistrou Galicia ata novembro e mesmo a proxección empregando o dato de decembro de 2016 permiten prever que Galicia poderá pechar 2017 superando por vez primeira os cinco millóns de turistas

Subliña que os viaxeiros permanecen máis días en Galicia, os establecementos incrementan a súa ocupación e aumentan tamén os ingresos por habitación dispoñible

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou , na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha da Comisión organizadora do Xacobeo 2021, co obxectivo de converter o vindeiro Ano Santo no mellor da historia de Galicia.

Entre as principais funcións deste organismo, Feijóo destacou o fomento e impulso das actuacións coordinadas das diferentes administracións e institucións implicadas; a aprobación da marca e logo do Xacobeo 2021, así como do seu plan estratéxico e dos diferentes plans operativos anuais de desenvolvemento; a busca de patrocinadores privados e a promoción das exencións fiscais aplicables a estes e a difusión e elaboración da programación deste evento.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico precisou que se creará a figura dun comisario, con dedicación absoluta da preparación do Xacobeo e que proporá e elevará as diferentes actuacións a desenvolver, rendendo conta do seu exercicio ante a comisión.

Feijóo incidiu na “oportunidade histórica” que supón este evento, que reforzará o Camiño de Santiago e actuará como un dinamizador fundamental no ámbito cultural e económico.

Consolidación da liña ascendente dos últimos cinco anos

Durante o Consello, o Goberno galego avaliou ademais a evolución do sector turístico no ano 2017; unhas cifras que, segundo aseverou o presidente do Executivo autonómico, consolidan a liña ascendente dos últimos cinco anos. Non en van, nos once primeiros meses de 2017, Galicia recibiu case 4.900.000 viaxeiros, o que supón un incremento dun 3,1%.

Así mesmo, os datos poñen de manifesto que a Comunidade se consolida como un destino máis atractivo tamén fóra de tempada alta, rexistrando os incrementos máis intensos de demanda turística nos meses de outono, cunha suba do 12% en novembro e do 6% en outubro.

Ademais da desestacionalización, Galicia é un destino cada vez máis atractivo para o turismo internacional, que representa case o 30% do total, e como proba o feito de que máis da metade dos peregrinos procedan de fóra de España.

Nesta mesma liña, Feijóo subliñou que os viaxeiros permanecen máis días en Galicia, os establecementos incremental a súa ocupación e aumentan, así mesmo, os ingresos por habitación dispoñible. Por primeira vez, Galicia supera a barreira dos dez millóns de noites nos establecementos de aloxamento regrado, rexistráronse máis de 10,2 millóns de pernoitas, o que supón un incremento dun 5,6% con respecto ao ano anterior. Así mesmo, engadiu que, igualmente, o número de días que os viaxeiros permaneceron nos establecementos de aloxamento galegos medrou máis dun 2,4%. Sumando tamén neste indicador cinco anos consecutivos de mellora dos niveis de ocupación nos once primeiros meses do ano pasado.

Logo de resaltar que o ingreso por habitación dispoñible tamén rexistra cifras á alza, con máis dun 10,7% de incremento con respecto ao ano anterior, Feijóo lembrou que o Camiño de Santiago experimentou en todo 2017 un crecemento dun 8,3% en relación ao 2016, superando, por vez primeira vez, os 300.000 peregrinos. O número de cruceiristas que chegaron a Galicia roldou os 340.000, o que supón un incremento de máis do 12% en relación ao mesmo período de 2016; e o tráfico global de pasaxeiros nos aeroportos incrementouse un 6,8% ata o mes de novembro, rexistrando preto de 4,5 millóns no conxunto da comunidade, cun crecemento xeneralizado nos tres aeroportos.

En relación ao turismo nacional, a Comunidade galega é a oitava en canto a número de viaxeiros e de pernoitas, situándose á cabeza das autonomías da cornixa cantábrica, agrupadas baixo a marca España Verde, por diante de Asturias, Cantabria e do País Vasco.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que as cifras demostran a progresiva consecución dos obxectivos da Estratexia do turismo 2020, “porque estamos no camiño de que se siga incrementando a afluencia turística, de que os turistas veñan durante todo o ano, de ter cada vez máis demanda internacional e de que se queden máis tempo e gasten máis”. 

A falta das cifras definitivas do mes de decembro, o presidente da Xunta salientou que o incremento interanual do 3% que rexistrou Galicia ata novembro (con case 4,9 millóns de viaxeiros), e mesmo a proxección empregando o dato de decembro de 2016, permiten prever que Galicia poderá pechar o ano 2017 superando por vez primeira os cinco millóns de turistas.

 

Arriba