23 abr 2018

Turismo de Galicia pon en valor en Teruel o traballo de sinalización e promoción desenvolvido en Galicia arredor do turismo termal

Nava Castro, na reunión sobre vilas termais da FEMP.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor en Teruel o importante traballo de sinalización e promoción desenvolvido nos últimos anos na nosa Comunidade arredor do turismo termal. A responsable de Turismo da Xunta expuxo o modelo galego neste eido durante a súa participación nunha mesa redonda celebrada no marco do XIII Encontro Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que tivo lugar no balneario da localidade aragonesa de Ariño.

 
Nava Castro tivo oportunidade de intercambiar impresións con outros dirixentes e membros do sector sobre os compromisos, retos e múltiples oportunidades que brinda o termalismo, un eido no que o Goberno galego xa puxo en marcha numerosas medidas ao abeiro do Plan de Turismo Termal e do Plan de Turismo de Saúde. “Mantemos unha firme aposta por garantir a calidade dos nosos establecementos termais, a innovación e a promoción, cunha implicación coas vilas termais e o seu aproveitamento desde o enfoque turístico”, sinalou.
 
Entre outras medidas, referiuse á sinalización das vilas termais, xa completada, axustada ao sistema de sinalización turística homóloga nas estradas estatais, SISTHO, impulsado polo Ministerio de Fomento. Neste sentido, lembrou o compromiso directo e decidido da Xunta, que investiu máis de 650.000 euros para a identificación de todas as localidades e recursos en distintas estradas de titularidade estatal, autonómica e local da Comunidade galega.
 
Grazas a este tipo de actuacións, garántese a accesibilidade das vilas e centros termais e mellórase a súa conexión con outras zonas de Galicia, co que se potencia a súa actividade socioeconómica e turística. Isto é especialmente relevante polo feito de que moitos destes recursos se atopan en comarcas do interior, contribuíndo á súa dinamización todo o ano.
 
Potencia continental en augas mineromedicinais
A directora de Turismo de Galicia tamén repasou o potencial do sector termal en Galicia, que conta co 30% das entidades locais adheridas á sección Vilas Termais das Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Amais, é a segunda rexión de Europa con maior riqueza en augas mineromedicinais, con máis de 300 mananciais. A isto engádese unha infraestrutura moderna e diversificada, con máis de 20 balnearios e 3.000 prazas, e o liderado en Q de Calidade Turística neste mercado entre todas as comunidades autónomas.
 
Tamén comentou novos produtos como o Club da auga, que aglutina a oferta termal, fluvial e náutica, e a Ruta dos Faros ou os Trens Turísticos de Galicia, algúns dos cales inclúen no seu percorrido a oferta termal. Finalmente, no eido da promoción, avanzou a participación en setembro na feira Termatalia, que nesta ocasión terá lugar en Foz de Iguazú, en Brasil.
 
 
Arriba