23 abr 2018

Galicia presenta a súa oferta turística 2018 en Cataluña, un dos mercados emisores máis importantes para a comunidade

 O departamento de Turismo da Xunta promoveu o destino Galicia no salón B-Travel, o principal mercado turístico desta comunidade autónoma

Recinto de Galicia na feira B Travel 2018.

 A oferta turística galega promoveuse en Cataluña, que ao longo do ano 2017 se situou como un dos mercados emisores máis importantes para a Comunidade galega. Deste xeito, para incentivar este fluxo de viaxeiros de Cataluña, Turismo de Galicia participou cun recinto de promoción propio na IV edición do Salón B-Travel, herdeiro do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebrou durante 24 anos no recinto da Fira de Barcelona.

Turismo de Galicia asistíu a esta cita cun expositor de deseño, cunha superficie de 104 metros cadrados, coa fin de dar a coñecer as experiencias turísticas galegas a través dos seus dez produtos cabeza de marca e das visitas aos seis parques naturais galegos.

No stand destacou a promoción do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, como espazos candidatos a Patrimonio Mundial da Unesco, e dous módulos dedicados ao Camiño de Santiago e á promoción do turismo de natureza. No expositor ofrecéronse, amais, degustacións de viños das cinco denominacións de orixe e produtos gastronómicos.

Neste certame, Turismo de Galicia tivo moi presente a promoción da ruta xacobea entre os cataláns. O ano pasado, máis de 13.600 peregrinos procederon desta comunidade. Tamén se difundiron produtos turísticos relacionados coa costa e co interior e coa enogastronomía.

O Salón B-Travel é unha das plataformas turísticas máis importantes da oferta e os servizos no ámbito nacional e un destacado reforzo para a promoción do turismo galego en Cataluña.

Xornadas de promoción directa en Polonia

Por outra banda, Turismo de Galicia participou en dúas xuntanzas de traballo con operadores turísticos polacos que se desenvolveron nas cidades de Varsovia e Gdansk.

Nestas reunións, o departamento de Turismo da Xunta tivo a oportunidade de presentarlle a súa oferta aos axentes de viaxe máis importantes da capital de Polonia e do norte do país.

 

 

Arriba