16 set 2018

Galicia intensifica os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China en Shanghai

 A Comunidade participou nun dos eventos de turismo máis importantes entre ambos países xunto a máis de corenta empresas e institucións españolas

Xuntanza profesional en China.

A Comunidade galega vén de intensificar os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China (FOTEC), o evento de turismo máis importante entre ambos países que se celebrou en Shanghai con máis de corenta empresas e institucións españolas.

A participación de Galicia neste encontro incluíu numerosas reunións bilaterais con varias das mellores empresas chinesas do sector. Os encontros permitiron incrementar a visibilidade de Galicia ante turoperadores e viaxeiros deste país, un mercado identificado como estratéxico no modelo turístico galego polo seu elevado interese cultural, a súa tendencia a buscar experiencias novidosas, así como por contribuír a desestacionalizar a demanda, ao tender a viaxar habitualmente en meses fóra de tempada alta, entre outubro e febreiro coincidindo co Ano Novo chinés.

O departamento de Turismo da Xunta difundiu entre os empresarios turísticos chineses a oferta relacionada coa natureza, a cultura, os destinos urbanos e a enogastronomía, así como o Camiño de Santiago que está a medrar a un ritmo dun 2% no caso dos peregrinos chineses. A viaxe a Shanghai coincide coa celebración do Ano do Turismo entre China e a Unión Europea e dá continuidade ao traballo emprendido polo Goberno galego nos últimos anos para intensificar o labor de promoción neste país asiático.

A viaxe institucional do ano pasado posibilitou o establecemento de contactos con representantes da Administración de Turismo de China (CNTA) e da súa principal axencia de viaxes online, o xigante Ctrip, que posteriormente realizou unha acción promocional en internet. Amais, Galicia continúa reforzando a súa presenza no país coa participación en feiras e encontros profesionais. Tamén se realizan diferentes viaxes de familiarización en Galicia con operadores e xornalistas chineses.

Interese en aumento

A Estratexia de turismo de Galicia 2020 ten entre os seus obxectivos a internacionalización da Comunidade como destino, eido no que a evolución dos últimos anos está a ser moi salientable. Neste eido, a folla de ruta do turismo galego sitúa este mercado asiático como un dos máis salientables para os vindeiros anos. Segundo datos da Asociación de Turismo España China (ATEC) -entidade organizadora do evento de Shanghai- o interese do turista chinés por España vai en aumento. Considerado como o país líder de turismo emisor do mundo, para 2020 prevense entre 150 e 200 millóns de turistas chineses no mundo.

 
Arriba