10 dec 2018

Román Rodríguez pide ao Goberno criterios comúns para poder harmonizar as regulacións autonómicas de alugueiro turístico

 O conselleiro de Cultura e Turismo participou  no Consejo Español de Turismo (CONESTUR), onde trasladou a posición de Galicia sobre diferentes asuntos

 
Reclama marcos normativos nos que poder desenvolver as súas competencias con seguridade xurídica e dar resposta a unha realidade en constante evolución
 
Propón incrementar a cooperación interterritorial coa creación dun grupo de traballo do Camiño de Santiago, coordinado por Galicia, e outro da España Verde
 
Román Rodríguez, en Madrid.

 O conselleiro de Cultura e Turismo. Román Rodríguez, participou no pleno do Consejo Español de Turismo (Conestur), onde trasladou a posición de Galicia en diferentes asuntos de relevancia nesta materia. Así, reclamou ao Goberno central criterios comúns para que as comunidades autónomas poidan harmonizar as súas distintas regulacións sobre o alugueiro turístico. Ademais, animou á colaboración arredor do vindeiro Xacobeo 2021, unha celebración que suporá unha oportunidade para o conxunto do Estado e que precisa da implicación de todos.

Dada a importancia da cooperación interterritorial en materia turística, Román Rodríguez reclamou que o Goberno central xere as ferramentas e os espazos adecuados, creando marcos normativos nos que poder desenvolver as nosas competencias con seguridade xurídica; unificando criterios que permitan dar unha resposta común a unha realidade dinámica en constante evolución, e establecendo mecanismos de cooperación nos que poder prever e anticiparse aos rápidos cambios que está a experimentar este sector.

Como sinalou, esta cuestión é especialmente relevante no caso das vivendas de uso turístico, un ámbito onde existe disparidade de criterios entre distintos territorios e institucións. Neste sentido, comentou a aposta de Galicia por unha eficaz regulación, que ordena este fenómeno e garante as oportunas condicións para todos os implicados.

Vivendas de uso turístico

Por iso, solicitou que o grupo de traballo de vivendas de uso turístico no que están representadas as comunidades autónomas adopte unha proposta sobre o réxime de alugueiro por habitacións, con criterios comúns, tendo en conta que a Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU) recolle a súa prohibición con fins turísticos. Lograríase así ordenar o chamado home sharing, aloxamento xunto a propietarios, diferenciado doutras figuras do aloxamento turístico regrado.

Na mesma liña, e co obxectivo de afondar nun turismo de calidade e con garantías, pediu esforzos en aspectos fundamentais como a fiscalidade ou as obrigacións laborais para esta oferta e a diferenciación entre particulares e profesionais, analizando o establecemento de réximes diferentes para cada caso. A isto, engádase a necesidade de aclarar o alcance competencial das administracións locais neste eido e as obrigas das plataformas online de comercialización, especialmente na necesidade de colaborar para que a oferta sexa a legalmente rexistrada.

Invitación ao Xacobeo 2021

Román Rodríguez tamén trasladou ao pleno de Conestur unha invitación a cooperar e asumir os valores do Xacobeo 2021, un dos acontecementos máis importantes no ámbito turístico para España no horizonte inmediato. Ao respecto, lembrou que o seu impacto non se limita a Galicia nin as rexións polas que pasan os Camiños de Santiago.

Por iso, chamou a atención sobre a oportunidade que supón e a necesidade de saber aproveitala e propuxo incrementar a cooperación interterritorial na súa organización, traballando en programas e actividades conxuntas como xa se está a facer no Consejo Jacobeo, onde só están presentes as comunidades polas que pasa a Ruta Xacobea.

Nesta liña, solicitou a creación dun grupo de traballo dedicado ao Ano Santo, a través do que poder canalizar unha cooperación real e efectiva. O conselleiro de Cultura e Turismo ofreceu que este grupo, especializado na promoción do Xacobeo 2021, sexa coordinado por Galicia. De igual xeito, Román Rodríguez reclamou maior visibilidade para as autonomías da España Verde, coa creación dun espazo de representación neste órgano, entre outras posibles medidas para o seu impulso.

O Consejo Español de Turismo está integrado por representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e das comunidades autónomas, ademais de membros de corporacións locais, FEMP, CEOE, CEIM, UGT, CCOO, Cámaras de Comercio, asociacións do sector e operadores turísticos, entre outros.

 

Arriba