21 xan 2019

O uso da rede Wifi nos albergues públicos do Xacobeo rexistrou un incremento de preto do 150% no último ano

 Tamén medrou o número de visitas á web do Camiño de Santiago e ao portal de Turismo de Galicia, que son cada vez máis visitados por usuarios estranxeiros

Avánzase así no cumprimento dos obxectivos do Plan Smart Camiño que persegue consolidar as TIC como útiles ferramentas na ruta

 Durante o último ano os peregrinos que pernoitaron nalgún dos albergues públicos do Xacobeo fixeron un maior uso da rede wifi gratuíta dispoñible nestes establecementos. Así o demostran os datos dos últimos 12 meses que reflicten un incremento dun 148,32% no uso deste servizo, cada vez máis empregado polos peregrinos para completar información útil para a súa viaxe ou compartir a súa experiencia durante o Camiño de Santiago.

Xunto á rede wifi –que pasou de máis de 150.000 usuarios en 2017 a máis de 380.000 o ano pasado–, tamén se rexistrou un moi bo comportamento doutras iniciativas enmarcadas no Plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para responder ás necesidades do peregrino do século XXI.

Así, medrou o número de usuarios da web caminodesantiago.gal, que mantivo a súa curva de crecemento durante o ano e superou os 300.000, o que supón un incremento do 68,5%. Destaca especialmente o incremento de visitantes á paxina web procedentes de países como Italia, primeiro en consultas e que supón case o 20% do tráfico total. Séguenlle os usuarios de Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Francia, Arxentina, Brasil ou México.

Estas iniciativas alíñanse coas medidas do Plan Director do Camiño de Santiago, a folla de ruta posta en marcha desde a Consellería de Cultura e Turismo que está a desenvolver numerosas melloras na Ruta Xacobea coa vista posta no Xacobeo 2021. Conta entre as súas liñas de acción co impulso ao desenvolvemento das TIC para facilitar a experiencia da peregrinación, como o uso da rede wifi ou a aplicación do Camiño, entre outras.

Medran ás visitas da web turística

Xunto a estes datos, tamén a web informativa sobre a oferta turística (turismodegalicia.gal) rexistrou un notable incremento de visitantes durante o último ano. Pasouse de 1,8 millóns de usuarios a máis de 2 millóns, o que supón un aumento de case un 10%. Oito de cada dez usuarios da páxina web son españois, pero medran de xeito considerable varios países estranxeiros. É o caso de Portugal, en cabeza e que no último ano rexistrou unha suba de case o 40%. Séguenlle Italia, Estados Unidos, Francia, Alemaña, Reino Unido ou Arxentina. 

 

 

Arriba