30 xul 2019

Turismo de Galicia apoia con 50.000 euros a Romaría Viquinga de Catoira, unha das 11 festas de interese turístico internacional de Galicia

 Nava Castro participou no concello pontevedrés na presentación da nova edición desta festividade 

Presentación da Romaría Viquinga de Catoira

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da nova edición da Romaría Viquinga de Catoira, unha das 11 festas de Interese Turístico Internacional coas que conta a Comunidade e que a Xunta de Galicia apoia este ano con 50.000 euros.

Durante o acto puxo de manifesto a aposta do Goberno autonómico por apoiar festividades que afonden na singularidade do destino galego e situou esta celebración como unha data clave para este concello pontevedrés ao convertese ano a ano nun importante impulso para o turismo da provincia de Pontevedra.

Neste sentido, recordou que a Romaría Viquinga de Catoira foi a primeira da provincia e unha das primeiras en Galicia en acadar o recoñecemento internacional e puxo de manifesto a visibilización da Comunidade galega en Europa como un dos destinos incluídos no Itinerario Cultural Europeo dos Viquiingos, certificado polo Consello de Europa.

O apoio da Xunta á Romaría Viquinga de Catoira permitirá o apoio, promoción e difusión deste evento e a posta en marcha da actuación de sensibilización e prevención fronte a violencia sexual Agresión OFF, eu digo non á violencia sexual. A campaña desenvólvese no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, en virtude do cal, a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza acordaron colaborar este ano cunha liña de axudas específica a incluír na colaboración habitual que se fai coas festas de interese turístico.

Esta colaboración enmárcase no obxectivo da Xunta de Galicia por impulsar o enfoque turístico do patrimonio inmaterial, onde as festas de interese turístico ocupan un lugar central. Tamén dá resposta ao seu compromiso por traballar coas administracións locais e potenciar os recursos singulares da Comunidade.

 

Arriba