17 out 2019

Galicia promove a súa oferta turística no sudeste asiático na feira ITB que se celebra en Singapur

 A Consellería de Cultura e Turismo participou nesta feira de viaxes e do sector de reunións e congresos que é de carácter exclusivamente profesional

 

Recinto de Galicia na ITB Asia.

A Comunidade galega participou na Feira ITB Asia que se celebrou en Singapur, onde se presentou como destino turístico ante os principais operadores asiáticos.

Trátase da segunda ocasión na que a Xunta participa neste encontro, de carácter internacional e exclusivamente profesional, e considerado como unha das máis importantes citas turísticas en Asia. Celébrase no recinto Marina Bay Sands&Convention Centre de Singapur e a presenza de Galicia incluíuse cun módulo dentro do stand de Turespaña.

Os visitantes inclínanse experiencias relacionadas coa enogastronomía, compras, arte e cultura. Durante os días de feira, os representantes da Consellería de Cultura e Turismo mantiveron encontros con operadores turísticos e do sector congresos e viaxes de incentivo.

Galicia achegóuse un ano máis a un dos mercados emerxentes con máis proxección do ámbito internacional que xunto a Xapón e Corea conforman a zona de demanda máis estratéxica para a Comunidade no continente asiático. Trátase dun mercado estratéxico que dispón de facilidade para viaxar, xa que a diferencia doutros países asiáticos, non necesita visados Schengen para a Unión Europea. Tamén favorece a constante apertura de conexión aérea con Europa.

ITB Asia celébrase anualmente en Singapur e constitúe un dos principais acontecementos da industria das viaxes en Asia Pacífico, como o seu homólogo ITB Berlín en Europa. Organizada por Messe Berlin, ITB Asia constitúe un foro para establecer contactos coas compañías e os intermediarios turísticos para contratar a organización de viaxes. Nesta contorna, os expositores internacionais de todos os sectores dentro da cadea comercializadora poden entrar en contacto coas empresas líderes desta rexión de Asia.

 
Arriba