Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Ruta da camelia > Experiencias > Engadir á "Miña viaxe"
Ría de Arousa

RÍAS E PRAIAS

Ría de Arousa

É a máis extensa das rías de Galicia. Por toda a ría, praias e máis praias…

Ría de Pontevedra

RÍAS E PRAIAS

Ría de Pontevedra

Teno todo: o clima, as praias, o mar, a paisaxe, o patrimonio artístico, o ambiente…

Ruta do viño Rías Baixas

EXPERIENCIA

Ruta do viño Rías Baixas

Conta a tradición que o cultivo da vide en Rías Baixas débese aos monxes do mosteiro cisterciense de Armenteira (Meis)...

Pontevedra

Pontevedra

Hai tanto que ver: arquitectura, alamedas, paseos polo río, prazas cheas de vida...

Ruta da Camelia

Camelias e adegas

Esta experiencia conxuga a visita a algúns dos máis belos xardíns palacianos e señoriais de Galicia cun percorrido polos viñedos e as adegas con Denominación de Orixe. Nesta viaxe o viño acompaña aos excelentes peixes e mariscos das rías galegas.

Interésache!

  • Punto de inicio: Cambados
  • Punto final: Soutomaior
  • Xornadas: 4
Esta experiencia conxuga a visita a algúns dos máis belos xardíns palacianos e señoriais de Galicia cun percorrido polos viñedos e as adegas con Denominación de Orixe. Nesta viaxe o viño acompaña aos excelentes peixes e mariscos das rías galegas.

Suxerímosvos vivir unha experiencia enoturística combinada coa visita aos mellores xardíns palacianos e señoriais de Galicia. Nestes espazos a flor da camelia brilla con luz propia. E acompáñase doutras especies, autóctonas e exóticas, de alto valor
botánico e estético, coidadas con aloumiño e esmero. Ao noso paso tamén nos veremos rodeados de hortos, froiteiros e viñedos, de cuxas uvas saen os excelentes caldos das denominacións de orixe galegas.

Máis información...
- Pazo de Bazán. Teléfono: 986 542 250
- Museo Etnográfico e do Viño. Teléfono 986 526 119
- Adegas do Palacio de Fefiñanes. www.fefinanes.com
- Pazo de Rubiáns. www.pazoderubianes.com
- Pazo Quinteiro da Cruz. www.pazoquinteirodacruz.es
Finca de A Saleta. Teléfono: 986 872 323
Castelo de Soutomaiorwww.hotelpousadadelcastillo.com 
 

 

Percorrido - Día 1º

En Cambados, o berce do albariño

 

Ampliar

Cambados, vila señorial e mariñeira, está situada na comarca pontevedresa do Salnés, nas Rías Baixas. É un excelente punto de partida para esta aventura que une viñedo e xardín. Será moi doado chegar ata aquí grazas á proximidade da Autoestrada do Atlántico (AP-9) e doutras importantes vías de comunicación.

Recomendámosvos chegar a primeira hora da tarde, con tempo para instalarvos no hotel e comezar a descubrir os múltiples encantos da zona. A oferta de aloxamento inclúe pazos, casas rurais e señoriais e tamén adegas que ofrecen hospedaxe. A insignia hoteleira é o magnífico Pazo de Bazán, edificio do século XVII, convertido hoxe en Parador de Turismo, onde no seu día se aloxou o Xeneral De Gaulle. 
O pazo goza dunha céntrica situación, fronte á Alameda da Calzada, onde os chopos e os álamos dan sombra aos visitantes durante a “Festa do Viño Albariño”, que se celebra na primeira semana de agosto e está declarada de Interese Turístico Nacional. Se facedes coincidir a visita con este evento veredes o lugar convertido nun bulicio de xente entregada á boa comida, bebida e charla nas casetas que instalan os adegueiros. Durante eses días ofrecen os seus mellores albariños a prezos populares, que se poden acompañar cos excelentes mariscos da ría.

Os segredos do viño do Salnés

Propoñémosvos comezar a tarde no Museo Etnográfico e do Viño, un dos primeiros de temática vitícola que se fundou en España. Dende a Alameda da Calzada transitamos un tramo da Avenida de Vilariño ata o cruzamento coa rúa de San Francisco, que seguimos ata onde se cruza coa Avenida da Pastora, por onde ascendemos ata chegar ao museo. Está instalado nunha antiga casa reitoral do século XVI, chamada Casa de Ricoy, e identificarémolo polo seu gran letreiro na fachada. No seu interior descubrimos os segredos do viño do Salnés e da Denominación de Orixe Rías Baixas.

As ruínas de Santa Mariña Dozo

A poucos pasos atópanse as ruínas de Santa Mariña Dozo, declaradas Monumento Nacional, que albergan un cemiterio, ao que Álvaro Cunqueiro describiu como “o máis melancólico camposanto”. En canto atravesedes o enreixado que dá paso ao que queda desta igrexa, representativa do estilo gótico mariñeiro, comprenderedes por que a súa visita é imprescindible. Os restos que se conservan dos muros de pedra aínda sosteñen uns arcos, nus cara ao ceo, pero ricamente ornamentados con adornos de bólas. No solo repártense o espazo multitude de lápidas con cruces, esculturas e as flores que as decoran, xunto á rebelde vexetación arbustiva que se fai forte entre as pedras.
As hipóteses que falan da destrución parcial da igrexa no século XIX apuntan a un incendio, fortuíto ou provocado, debido aos enfrontamentos ou ás continuas revoltas da época. A sensación de melancolía e romanticismo que pode inspirar este lugar multiplícase en días anubrados ou, se son soleados, á hora na que o Sol declina polo Atlántico dende o Monte da Pastora. Nese momento este escenario préstase a belos xogos de luces entre os arcos, polo que será unha boa oportunidade para captar unhas preciosas imaxes.

De viños polo barrio de Fefiñáns

Unha vez concluída a visita seguro que xa será unha hora apetecible para a degustación dos viños albariños do Salnés. Suxerímosvos que volvades ao centro de Cambados e vos internedes no aristocrático barrio de Fefiñáns ata chegar á praza do mesmo nome. Esta formidable explanada de pedra está rodeada por un conxunto artístico levantado no século XVI e declarado Ben de Interese Cultural. Del forman parte a Igrexa de San Benito; unha atalaia-miradoiro, chamada Torre da Homenaxe; un precioso arco-ponte de traza barroca; e o portentoso Pazo de Fefiñáns, flanqueado por dous curiosos balcóns circulares a modo de púlpitos.

Unha visita ás adegas de Fefiñáns

O interior do Pazo de Fefiñáns alberga dende 1904 a adega máis antiga do lugar. “Bodegas del Palacio de Fefiñanes” produce tres tipos distintos de albariño e augardentes. Se o programamos con antelación podemos percorrer as súas distintas salas de fermentación, crianza e embotellado. E ver o proceso produtivo in situ, acompañados do persoal da adega, que nos guiarán para explicarnos paso a paso a elaboración dos seus caldos, que poderemos degustar. Nunhas instalacións con tanto avoengo vemos como conviven as modernas tecnoloxías produtivas en harmonía coa crianza do viño en barricas de carballo, gardadas nun ambiente dominado pola pedra e a madeira.

Viñedo, o xardín e o bosque “máxico” do Pazo de Fefiñáns

Outro atractivo dentro do pazo é o viñedo histórico, cuxo percorrido organiza a Adega Gil Armada. É posible pasear pola plantación guiados por unha enóloga, que nos explicará as cualidades particulares desta uva, o seu cultivo, o seu clima e o seu solo. Despois acompañaranos na cata final para axudarnos a identificar aromas que lembran ao limón, a herba mollada, a rosa silvestre ou ás froias tropicais. Toda unha sinfonía de olores e sabores que poden saír da nosa copa. Ao final das hortas, onde se conservan estes antigos viñedos, está o bosque “máxico”. O apelativo é merecido, pois aparece por sorpresa tras atravesar un corredor de vides en emparrado.
Como por arte de maxia vémonos dentro dunha impresionante bóveda de buxo, rodeada de especies autóctonas como carballos e castiñeiros centenarios. Tamén percorreremos o xardín, que, segundo a época, déixase invadir de diferentes cores e olores, grazas ás rosas, as peonias, as lilas, o heliótropo, o philadelphus ou o muguet, entre outras.

O interior do pazo

A mesma adega tamén organiza a visita ás estancias do pazo, cuxa decoración reflicte os gustos exquisitos dunha fidalguía asentada en vilas e cidades, máis afastada do universo cultural campesiño. Seguro que vos sorprenden elementos como o belo papel pintado inspirado en motivos orientais dun dos salóns. Foi un capricho exótico traído polo primeiro marqués de Figueroa de Rusia, onde exerceu como embaixador a principios do século XIX.

Peixe, marisco e albariño

Ao despedírmonos das adegas e dos seus distintos espazos será hora de cear. Peixes e mariscos desta ría preparados á prancha ou con salsas e guarnicións máis ou menos sofisticadas, mesmo a base de albariño, reinan nos menús dos restaurantes e locais de tapas das rúas lindantes á Praza de Fefiñáns.
 
Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba