O xeodestino Costa da Morte abrangue os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Aquí estaba a fin do mundo, o "Finis Terrae" dos romanos. Concretamente, en Cabo Fisterra, un lugar fascinante desde a máis remota antigüidade, e onde moitos peregrinos dan por finalizado a súa viaxe despois de pasaren por Santiago de Compostela.

A lendaria Costa da Morte debe o seu nome aos numerosos naufraxios que aquí ocorreron. Unha agreste franxa costeira con praias inmensas como Carnota, O Rostro (Fisterra), Baldaio (Carballo) ou Traba (Laxe) e tamén cantís, fortes correntes e repentinos temporais que a fan tan temida polos navegantes. Aquí manda o mar. Así nolo recorda o Cemiterio dos Ingleses, preto de Cabo Vilán, onde foron enterrados os mariñeiros do Serpent que naufragaron en 1890. E quizá para pedir clemencia ao ceo, esta é tamén unha costa zarrapicada de santuarios máxicos, como o da Virxe da Barca ou a igrexa de Santa María de Atalaia en Laxe.

Mais ás veces, o mar intérnase na terra e convértese nunha protectora ría: Corcubión, Lires, Camariñas, Corme e Laxe. Vilas con auténtico sabor mariñeiro e moitas historias que contar. Como os hórreos xigantes de Carnota e Lira. Ou a delicadeza dos encaixes de Camariñas.

Patrimonio

A Costa da Morte é terra de lendas e unha delas cóntanos que a Virxe aparecéuselle ao Apóstolo nunha barca de pedra da que hoxe quedan os restos nesta costa como testemuño dese milagre que serían as pedras de Abalar e dos Cadrís.

A Costa da Morte é unha loita constante da terra coa auga, as ondas baten no maxestoso faro de Fisterra, onde os peregrinos chegan a queimar as súas roupas tras a longa camiñada. A auga discorre pola máxica marisma e areal de Baldaio, repousa baixo a ponte romana de Lubiáns e no Ézaro precipítase polas penas facendo un encaixe de bágoas frías. A auga acariña o pintoresco porto de Caión e a pedra compón os hórreos de Pidre, as Torres do Allo, o castelo de Vimianzo, a Casa do Arco (Laxe) e déixase balancear polo vento en Muxía, ao carón do santuario da Virxe da Barca.

O dolmen de Dombate, o castro de Borneiro, o hórreo de Carnota, o Cemiterio dos Ingleses en Camariñas, os pazos de Corcubión, a igrexa do antigo mosteiro de Moraime (Muxía) ou as igrexas de Santa María das Areas ou de Xunqueira, no que noutro tempo foi a fin da terra coñecida, escúlpense contra a paisaxe desta costa que ten tristeza no nome pero alegría na alma.

A Costa da Morte leva impresa nas súas xentes a tradición do mar e do traballo ben feito. Nos seus museos e coleccións visitables pódese vivir a vida desta terra sen comparanza. O Museo do Encaixe de Camariñas ou o Museo da Olaría de Buño en Malpica de Bergantiños, así como o Museo do Traxe de Vimianzo, achegan pinceladas dunha cultura que permanece a través dos tempos no fin da terra galega. A vida deste xeodestino está marcada polo mar e así se ve nos catro museos dedicados a mostralo: o a Castelo de San Marcos-Museo do Mar (Fisterra), Museo do Mar (Laxe) e o Museo do Mar en Caión (A Laracha).

Espazos naturais

A indómita natureza da Costa da Morte é un dos reclamos mellor escondidos de Galicia. A propia orografía encargouse de facer pequenos recunchos e recónditas paraxes nas que se respira un aire único. O espazo natural de Cabo Vilán en Camariñas é un deses lugares impregnados da maxia do único.

O monte Pindo, en Carnota ou as Illas Sisargas agardan para mostrar o carácter da súa terra e o bravío do seu mar. En suma, faros e praias salvaxes como a de Carnota (a máis longa de Galicia) ou a do Trece. Todo o litoral da Costa da Morte forma un espazo natural protexido que se interna terra dentro a través do río Anllóns. Os Penedos de Pasarela e Traba (nos concellos de Laxe e Vimianzo) é unha paisaxe protexida con corpo de pedra e alma de lenda.

Festas e gastronomía

Os visitantes que se acheguen á Costa da Morte poden vivir as máis arraigadas tradicións en forma de festas e romarías. Na zona hai media ducia de festas que contan coa declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia e son a Festa de San Fins do Castro en Cabana de Bergantiños, a Mostra do Encaixe de Camariñas, as Festas do Santísimo Cristo de Fisterra, a Romaría de Nosa Señora das Milagres de Caión na Laracha, a Mostra da Olaría de Buño en Malpica de Bergantiños e a Festa da Faguía do Carnés en Vimianzo, a Romaría do Santo Hadrián en Malpica de Bergantiños, O Naufraxio de Laxe, a Festa do Percebe do Roncudo en Ponteceso, a Festa das Cereixas de Paiosaco na Laracha, a Festa da Carballeira en Zas, o Asalto ao Castelo en Vimianzo e a Festa da Pataca en Coristanco. Ademais, a Romaría de Nosa Señora da Barca en Muxía conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.

Ademais disto, numerosas festas gastronómicas exaltan as deliciosas especialidades culinarias da zona, en boa parte ligadas aos froitos do mar. Tamén na Costa da Morte cultívanse as patacas con Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

 

DESTACADO: De Faros e Cabos

A luz do Faro de Fisterra -que chega a alcanzar os 65 km de lonxitude- guía os barcos na súa navegación por estas augas perigosas, debido aos frecuentes temporais e arrecifes. Xa os romanos marabillábanse ao contemplar a posta de sol desde o punto máis occidental de Europa sentados nas pedras do Cabo Fisterra. Desde aquí descóbrense cegadoras panorámicas como a ría de Corcubión e a costa de Carnota xunto coa riqueza da inmensidade do océano. Todos os navegantes do mundo coñecen a existencia deste faro pois é un aviso importante da proximidade dunha zona perigosa.

A espectacular beleza dos arredores do faro de Cabo Vilán e a fereza do mar batendo as costas do Cabo Touriñán son tesouros que soamente se poden revelar na Costa da Morte. As praias salvaxes desta zona de Galicia como Mar de Fóra, rodeada de cantís, situada entre a península de Fisterra e o Cabo da Nave ou a de Soesto no concello de Laxe, poden ser o paraíso dos amantes das paraxes inhóspitas.

Arriba
Axúdanos a mellorar!