COSTA DA MORTE

Espazos naturais
3334
No Camiño de Santiago

Localización

A Coruña

A Laracha | Arteixo | Cabana de Bergantiños | Camariñas | Carballo | Cee | Fisterra | Laxe | Malpica de Bergantiños | Muxía | Ponteceso | Vimianzo

Coordenadas:
43º 09' 48.2" N - 9º 12' 44.3" W

Descrición

Fin da terra no medio do mundo
O devalo do sol ilumina cada tardiña as cruces nos cantís orientadas ao mar en lembranza de mortos e desaparecidos. Nese momento ofrécense xuntos os dous elementos, solpores e traxedias, que renomearon o latino Finisterrae para convertelo en Costa da Morte.

Na actualidade segue a ser un dos puntos estratéxicos máis transitados das rutas marítimas intercontinentais e un dos máis perigosos para a navegación. O rexistro cartográfico de naufraxios e salvamentos énchese de cruces que representan máis dun centenar e medio de embarcacións afundidas no último século, pero pérdese a conta dos sustos cotiáns na memoria colectiva dun pobo mariñeiro, por outra parte alegre e vital.
Por iso a Costa da Morte non é un cemiterio. Son uns cento cincuenta quilómetros de vida mariña e mariñeira mellor conservados da fachada atlántica europea. Abrangue, de norte a sur, desde as proximidades da cidade da Coruña ata o Cabo Fisterra. Contén as rías de Camariñas, Corme-Laxe e Lires nas cales se sitúan xunto co de Fisterra os principais portos, pero non os únicos pois existen outros como o de Caión ou o de Malpica que ofrecen refuxio a mar aberto.
Fóra das pequenas rías altas, trátase principalmente dunha costa acantilada nunha sucesión de amplas enseadas que acada os mellores exemplos de puntas agrestes nos Cabos Vilán, Touriñán ou no Roncudo. Aquí acharemos os treitos litorais máis salvaxes con sitio para os areais revestidos coa beleza do vento: Balarés en Ponteceso; O Trece en Camariñas, Mar de Fóra en Fisterra. Completan a riqueza medioambiental as zonas húmidas de Baldaio e Razo ou a lagoa de Traba. Sen esquecer, a sonora soidade das illas Sisargas.

Acceso

Desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 ou a estrada AC-552 que continúa ata Cee con desvíos cara ás localidades da costa. Non existe transporte marítimo de pasaxeiros ás illas Sisargas.

Camiños de Santiago

Camiño de Fisterra-Muxía

Situación

Franxa costeira dos concellos coruñeses de Arteixo, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.

Superficie

12.094,43 ha.

Servizos

Aloxamento: Si.
Comer: Si.

Sen pérdida

A estrada provincial AC-552 A Coruña-Fisterra vén sendo a principal vía de comunicación da cal parten os principais desvíos cara á costa. Comeza este espazo protexido na praia de Alba, próxima á máis coñecida de Barrañán (Arteixo), e un pouco máis ao oeste, xa na comarca de Bergantiños, acharemos o ecosistema das marismas de Baldaio. Aquí o extenso areal, prolongado coa turística praia de Razo (Carballo), reprégase nun complexo dunar tras o cal se atopa a lagoa cunha estreita canle de mar e o tremedal, importante refuxio de avifauna.
Neste sector do litoral, o porto de Malpica conserva a súa fasquía de antigo enclave baleeiro. Ademais, é o punto de referencia máis próximo ás illas Sisargas, fronte ao cabo de Santo Adrián. O faro da illa é a única testemuña das abouxadoras colonias nidificantes nos cantís inaccesibles. Na costa, os seguintes pasos que procuren a luz dos faros dirixiranse á punta Nariga e ao Roncudo, verdadeiros mascaróns de proa ao mar, onde os percebeiros gañan a vida.
Dun lado Corme abre a ría que se pecha na enseada da Insua coa fermosa praia de Balarés a un lado, o Monte Branco no medio co seu chan de area, e o esteiro que forma o río Anllóns ao fondo. Este leito, protexido aproximadamente 40 km do seu sinuoso percorrido augas arriba, entre as localidades de Carballo e Ponteceso. Un bo lugar para coñecer o río Anllóns en maxestade é o couto de Verdes en Coristanco.
A partir do esteiro, o tramo costeiro continúa por Laxe ata a praia de Traba. Ademais da lagoa, son salientables as caprichosas formas pétreas do monte declaradas Paisaxe Protexida “Penedos de Pasarela e Traba”.
O desvío de Vimianzo, ao pé do castelo que acolle na actualidade unha completa representación en vivo de traballos artesanais, conduce ata Camariñas. Trátase dun dos puntos principais da Costa da Morte: o faro do Cabo Vilán.

Outras características

Avistamento de paxaros
Zona ZEPA
Natureza Espazos naturais ZEC - Rede natura 2000
Arriba
Axúdanos a mellorar!