BAIXA LIMIA

Espazos naturais
2499

Localización

Ourense

Bande | Calvos de Randín | Entrimo | Lobeira | Lobios | Muíños | Padrenda | Quintela de Leirado | Verea

Coordenadas:
42º 04' 55.7" N - 8º 05' 39.0" W

Descrición

Paisaxes da raia seca

Limia é un río único. Escavou un corredor natural á beira do cal foi deixando a historia a súa humana pegada. E nel recolle todo un tecido fluvial que se descolga en fervenzas e saltos, repousa en encoros sucesivos, atravesa unha fronteira e rende ao final as súas augas ao Atlántico. Únense así o maior Parque Natural da nosa comunidade co de maior importancia en Portugal, o Parque Nacional da Peneda-Gerês. Xuntos abranguen un só espazo protexido de carácter transfronteirizo único en Europa.

Trátase da raia seca, pois o trazado fronteirizo non se sitúa nos ríos senón no alto das serras: O Laboreiro, Queguas e Quinxo ao norte; Santa Eufemia, Xurés e O Pisco, ao sur. Os puntos máis elevados ascenden ata os 1.500 metros de altitude, combinan as formas suaves dos vellos montes galegos coas máis esgrevias. Agullas e bolos graníticos que o tempo encabalgou en complicados equilibrios son un dos sinais de identidade da zona.

Acharemos monumentos megalíticos, lendas de ouro e o testemuño do paso dos lexionarios romanos pola calzada XVIII ou Vía Nova. Aínda permanecen en pé os fitos viarios ou miliarios que deixaron na calzada que unía as capitais romanas de Braga e Astorga polo único paso natural entre estes montes, a mítica Portela do Home, punto fronteirizo de acceso ao territorio portugués.

As construcións populares como muíños, colmeas amuralladas (alvarizas), cabanas de pastores (chivanas), hórreos, fornos, camiños e valados revelan a alma da máis creativa dos seus poboadores. Un patrimonio herdado da tradición na ducia de núcleos rurais que ata a actualidade mantiveron a actividade agropecuaria dentro do parque. Así como as aldeas do Couto Mixto, o territorio que mantivo ata o ano 1868 un estatuto de privilexios independente de España e Portugal.

Sen Perda

Antes de entrar no parque, a principal vía de acceso pola estrada OU-540 ofrece aos visitantes importantes paradas para coñecer o patrimonio histórico da zona. Aquis Querquernis é o xacemento romano formado por un campamento e unha mansio viaria situada á beira do encoro das Conchas, no concello de Bande. Nas proximidades sitúase o moderno Centro de Interpretación Aquae Querquenae - Via Nova. Tamén nesta altura salienta a igrexa prerrománica de Santa Comba de Bande cuxa nave e as pinturas murais son de obrigada visita.

Xa no parque existen rutas en automóbil que enlazan os miradoiros naturais e paraxes significativas; unha ruta ecuestre; e moitas posibilidades de sendeirismo por cada unha das serras que forman a raia. Algunhas de trazado moi esixente.

Lobios, na marxe esquerda, e Entrimo, na dereita, son as capitais do parque. Na vila balneario de Lobios, coas augas termais do río Caldo, sitúase a Sede e Centro de Interpretación. Na mesma localidade, a escasos metros do balneario, atopamos os restos romanos visitables da mansio Aquis Originis. O traxecto pola estrada que continúa desde Lobios ata o paso fronteirizo de Portela do Home permite observar desde a distancia a fervenza da Fecha, a máis alta de Galicia en época de chuvias, e tamén coñecer o conxunto de numerosos miliarios da calzada romana.

Desde A Terrachá, capital municipal de Entrimo, que conta cunha interesante igrexa de fachada barroca, parten os desvíos cara á serra de Queguas e O Quinxo. Por exemplo, o que conduce ata a aldea de Olelas, un dos mellores sitios para ver os exemplares da vaca cachena. É a raza bovina autóctona, de pequeno tamaño e longos cornos, adaptada á dureza da serra e que nos últimos anos está saíndo do perigo de extinción.

Acceso

Desde Ourense, dirección Celanova e Portugal, pola OU-540. Desde Xinzo de Limia pola estrada comarcal OU-301 ata Bande.

Situación

Suroeste da provincia de Ourense, fronteira con Portugal. Nos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños. O LIC esténdese ademais polos municipios de Padrenda, Quintela de Leirado, Verea, Bande, Calvos de Randín e Lobeira.

Superficie

29.762 ha.LIC: 34.248,13 ha.
Natureza Espazos naturais ZEC - Rede natura 2000
Arriba
Axúdanos a mellorar!