Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Patrimonio oculto > Itinerarios > Engadir á "Miña viaxe"
Mariña lucense

XEODESTINO

Mariña lucense

Mar e montañas, ríos e rías, prados e praias...

Lugo e a Terra Chá

XEODESTINO

Lugo e a Terra Chá

Esta é unha terra como non ha outra igual. A Terra Chá é unha inmensa chaira, a máis grande de Galicia...

Patrimonio oculto

Percorrendo Lugo: do interior á costa

A Terra Chá é especial por moitas razóns: pola súa particular orografía e paisaxe que lle dan nome, por ser o lugar onde nace o río máis importante de Galicia, o Miño, así como por outras manifestacións da vida humana que se foron asentando co tempo.

Nesta comarca, atopamos tradicións e gastronomía ligada aos froitos destas terras e destas augas. E falando de augas, este itinerario non remata aquí, senón que se achega dende o interior ata a costa de Lugo, un final perfecto para este percorrido.

Interésache!

  • Inicio: Lugo
  • Fin: Foz
  • Xornadas: 3
  • Km (aprox): 189 Km
“Quen dixo claro río Miño
Que naces en Fonmiñá,
Si cando chegas aló
Xa vas feito un rapaz”
“río Miño, río Miño,
pasa paseniño
non me despertes
o meu meniño”.
Cantiga popular
“En Gaioso, ollando a Chá,
Hai dúas penas ergueitas.
Semellan no ser de verdá
Redondeces tan ben feitas.”.
Manuel María, A Terra Chá
Outros datos de interese...
- Museo-Fortaleza de San Paio de Narla: 982 375 156.
Os luns permanece pechado.

Percorrido - Día 1º

Aproveitando que a nosa viaxe parte da capital da provincia, reservaremos o comezo da xornada para achegarnos á Muralla de Lugo, declarada no ano 2000 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e recordo permanente que deixaron os fundadores da cidade.

Ampliar
  • Muralla Romana de Lugo

    Muralla Romana de Lugo

  • Igrexa de Santalla de Bóveda

    Igrexa de Santalla de Bóveda

  • Igrexa de Santalla de Bóveda

    Igrexa de Santalla de Bóveda

  • Igrexa de Santalla de Bóveda

    Igrexa de Santalla de Bóveda

  • Igrexa de Santalla de Bóveda

    Igrexa de Santalla de Bóveda

  • Igrexa de Santalla de Bóveda

    Igrexa de Santalla de Bóveda

  • Torre - Fortaleza de Friol

    Torre - Fortaleza de Friol

Entrade ao recinto amurallado de Lucus Augusti, nome que os romanos lle deron a este asentamento, e subide ao adarve para percorrer os case 2,3 quilómetros deste ancho paseo bimilenario. Camiñar por esta obra romana transportaravos a outros tempos, pero sen dúbida a xente paseando, falando ou facendo deporte fai que vos deades de conta de que a muralla está máis viva ca nunca, pois parece unha rúa máis desta pequena cidade encantadora. Se vos cadra de chegar aquí no solsticio de verán ou a primeiros de outubro, poderedes mesturarvos co bulicio dos miles de visitantes que acoden ao Arde Lucus, unha celebración na que evoca o pasado romano da cidade, e ás festas patronais do San Froilán, respectivamente.
En Lugo, atoparedes tamén o Miño, o máis importante dos ríos galegos. Máis adiante descubriremos o lugar do seu nacemento, pero antes atoparemos outros tesouros nos arredores da capital provincial, alí onde comeza a Terra Chá. Imos primeiro ao concello de Guntín para visitar o mosteiro de Ferreira de Pallares. Co fresco son do río Ferreira como acompañante, camiñade sen demasiado esforzo ata a chamada Ponte Cabalar. Desde aquí, achegádevos ao cenobio para apreciar o valor deste recinto fundado no ano 909 polos condes don Ero e dona Laura. Visitade o claustro e o mausoleo dos Taboada e, no exterior do templo, bebede da auga que cae nun sepulcro antropomorfo convertido por casualidade en pía bendita. Quen sabe, mesmo pode ter propiedades máxicas…
Tamén moi cerca de Lugo capital, a só 14 quilómetros, descubrimos agora outra curiosidade que nos deixa a arquitectura do pasado: a igrexa de Santalla de Bóveda. Este templo cristianizado data da época romana e, xusto no centro da súa planta rectangular, ten unha pequena piscina. Esta estrutura, única no occidente europeo, provocou diversas interpretacións da súa orixe: lugar de baños, ninfeo ou conxunto monumental levantado de acordo co rito romano de honrar a Cibeles, venerada na capital do Imperio como a gran nai dos deuses.
Poñemos agora rumbo ao norte e, se o tempo acompaña, contemplade a beleza exterior da igrexa románica de Bacurín, da segunda metade do século XII, para despois encamiñarvos cara ao Museo-fortaleza de Friol. Xa se sabe que por moitas veces que se pase por un sitio, os nosos ollos sempre o poden ver de maneira diferente e descubrir novos segredos. Esta inmensa capacidade de marabillarnos podédela poñer en práctica cando esteades dentro deste castelo do s. XIV, reconstruído na súa maior parte, un século despois e convertido en museo. Do s. XVI son a maioría dos apeiros de labranza, armaduras, carrozas de cabalos e instrumentos de cociña. Case vos cansaredes de contar as armas que teñen expostas e poderedes imaxinar a penuria e a angustia dos prisioneiros aos que botaban pola pequena entrada do foso. Percorrede sen recato os cuartos, como se estiverades nunha casa amiga, os salóns, a cociña con forno de granito e a lareira e para acabar, subide exhaustos á torre para deleitarvos coas vistas da contorna.
A auga fixo da Terra Chá unha zona moi produtiva e, dende antigo, as comunidades asentáronse nestes vales máis fértiles. Para darlles grazas á deusa Terra e ao deus Sol seguro que se achegaron os antepasados ás Penas de Rodas, no concello de Outeiro de Rei. Estes dous grandes bolos de granito foron un lugar de culto prehistórico e, ao mellor, tamén estación astronómica para configurar un calendario agropecuario nestas fértiles terras do Miño. Chegaredes ás penas despois de percorrer os primeiros quilómetros dunha ruta de sendeirismo homologada. Se aínda conservades forzas, podedes continuar ata o Miradoiro da Terra Chá desde onde divisaredes unhas impresionantes vistas.

Xa que estades en Outeiro de Rei, probade as súas deliciosas anguías fritidas e aproveitade para ir ata Bonxe e levar convosco un recordo dunha das olerías máis importantes de Galicia xunto con Buño (A Coruña), Gundivós e Niñodaguia (Ourense). Outra artesanía característica desta comarca son as zocas feitas con madeira de bidueiro e, no que se refire á comida, un dos alimentos básicos da dieta galega, a pataca. O verán será un bo momento para ver os inmensos campos de cultivo.

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba