Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Rutas turísticas > Ruta da Ribeira Sacra > Engadir á "Miña viaxe"

Que ver na Ribeira Sacra...

Ver máis

Ruta da Ribeira Sacra...

Percorrido

Propoñemos unha ruta de dificultade baixa, co apoio dun vehículo, realizando percorridos curtos a pé, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia. A duración estimada é de catro días. A distribución de tempos deberá tomarse a modo de exemplo, xa que cada un poderá variala segundo as súas preferencias.

Percorrido - Día 1º

Durante a nosa primeira xornada de ruta permaneceremos na localidade lucense de Monforte de Lemos, considerada a porta da Ribeira Sacra. Monforte de Lemos conta cun extenso patrimonio, materializado en mosteiros, castelos, pazos, conventos e pontes. Estes atributos convértena nunha parada imprescindible para o viaxeiro que sabe apreciar a arte e a historia.

Ampliar
  • Mosteiro das Clarisas - Monforte de Lemos

    Mosteiro das Clarisas - Monforte de Lemos

    Fundado pola VII Condesa de Lemos, Catalina de la Cerda e Sandoval, esposa de Don Pedro Fernández de Castro, no ano 1622, e ao que se retiraría xa viúva en 1633...

  • Mosteiro de Nosa Señora da Antiga - Monforte de Lemos

    Mosteiro de Nosa Señora da Antiga - Monforte de Lemos

    Tamén é coñecido como Colexio do Cardeal Rodrigo de Castro, o seu fundador. Sobre a porta pódese ler a seguinte inscrición en latín: "Rodrigo de Castro Cardenal Arzobispo de Sevilla, dona a la Compañía de Jesús, para uso de la juventud, templo y colegio consagrados a la Virgen María"...

  • Museo Torre da Homenaxe

    Museo Torre da Homenaxe

    Torre da homenaxe que pertenceu á fortaleza construída no século XII polo conde de Lemos. Restaurada e aberta ó público recentemente como museo...

  • Ponte Vella - Monforte

    Ponte Vella - Monforte

    Ponte medieval sobre o río Cabe. Ten tres grandes arcadas e é de pedra granítica. As pilas ápoianse sobre contrafortes...

  • Mosteiro de San Vicente do Pino - Monforte

    Mosteiro de San Vicente do Pino - Monforte

    O edificio que podemos visitar nos nosos días data do século XVI, aínda que moito antes, probablemente desde o século X, acollía unha comunidade de monxes beneditinos...

Non deixes de ver...

A Terra de Lemos esténdese por unha fértil chaira, atravesada polo río Cabe e dominada polo monte de San Vicente, corazón de Monforte de Lemos. A denominación "Lemos" provén de lemavos, nome dun pobo prerromano de probable orixe celta, do que existen testemuñas da súa presenza na zona en forma de numerosos restos arqueolóxicos. Como fixeron romanos e suevos en séculos posteriores, os lemavos escolleron establecerse neste enclave pola situación estratéxica que ofrecía. Os xeógrafos da época referíronse a este asentamento como Castro Dactonium. Noutros momentos tamén se empregou o nome de Monte Forti, precedente directo do actual Monforte.

No século VIII, o xa cristianizado Castro Dactonium foi destruído polos árabes. Sobre as súas ruínas levantouse máis tarde o mosteiro de San Vicente do Pino, desde o que creceu, como gran mercado agrícola e gandeiro, a vila medieval de Monforte de Lemos. O mosteiro forma parte, xunto coa Torre da Homenaxe e o Pazo dos Condes de Lemos, do conxunto monumental de San Vicente do Pino, o punto perfecto para comezar a nosa visita á localidade.
Do Pazo dos Condes de Lemos, señores destas terras, non se conservan na actualidade máis que restos do que chegou a ser no pasado. Na súa época dourada, as súas estancias serviron tanto para exercer o poder de forma temible como para celebrar fastosas festas. Dos seus muros colgaban tapices flamencos e obras de Tiziano, Rafael e O Greco. Nos seus arquivos gardáronse importantes documentos dunha das liñaxes máis importantes daqueles tempos. Todo iso quedou reducido a cinzas tras un incendio ocorrido no ano 1672.

A herdanza medieval de Monforte de Lemos complétase coas murallas e as súas torres. O seu trazado é irregular, circunstancia que se atribúe a que foron construídas en diferentes etapas. O recinto ten tres saídas: a porta da Cadea Vella, a da Alcazaba e a Nova, na que se pode apreciar o emblema dos Condes gravado en mármore. Algúns tramos foron restaurados hai algúns anos.

A poucos metros da muralla atópanse algunhas das rúas máis representativas do casco vello, como a rúa da Cadea Vella, a rúa dos Fornos ou a rúa do Burato. Paseando por elas poderemos admirar as numerosas casas brasonadas existentes en Monforte, como a de Ribadeneira e a de Quiroga. Nestas rúas e prazas asentouse nos últimos anos da Idade Media unha numerosa comunidade xudía (xunto coa de Ribadavia, a máis importante de Galicia) que contribuíu a impulsar a vida comercial da vila.

Continuamos a nosa xornada cruzando o río Cabe pola ponte Vella. Trátase dunha construción de orixe romana, aínda que a súa configuración actual data do século XVI. Componse de seis arcos semicirculares e nela pódense apreciar algúns detalles medievais. A continuación, visitamos o convento das Franciscanas Descalzas, tamén chamado das Clarisas. Máis que na arquitectura do edificio, o seu interese reside no museo de arte sacro que acolle, un dos máis importantes de España. Se seguimos o curso do Cabe, chegamos ao Colexio de Nosa Señora da Antiga , un impoñente edificio coñecido como "o pequeno Escorial galego". No museo desta construción renacentista consérvanse varias obras do Greco.
O patrimonio histórico-artístico de Monforte de Lemos complétase coa igrexa da Régoa, antes denominada convento de San Xacinto, situada no casco vello. Nela destacan o altar maior e o seu órgano, un dos mellores de Galicia, conservado perfectamente a pesar dos seus trescentos anos de antigüidade. Outros monumentos de interese son a ermida de San Lázaro, a ponte dos Picos, o Parque dos Condes e o Pazo de Tor. Para visitar este último debemos percorrer 8 km pola estrada de Escairón. O pazo data do século IX e consérvase en excelentes condicións. No seu interior existe unha biblioteca con máis de 8.000 volumes, armas, cortinas de Damasco, xoias e mobles antigos.

Como nota curiosa, nesta vila atópase a casa máis estreita de España, condición acreditada no Libro Guinness. Mide 1,50 m de ancho por 20 de profundidade e componse de catro andares e planta baixa.

 

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba