21 xul 2017
  • Paxaros e aves

Un dos maiores espectáculos ornitolóxicos de Europa

Nos últimos anos a observación de aves urbanas é unha tendencia que medra con forza.

O motivo é que a maior parte da poboación mundial vive nas cidades e nelas habitan moitas especies de aves que se adaptan con éxito a este novo ambiente. Calcúlase que un 20% das especies de aves do planeta poden ser observadas en medios urbanos

Cirrio común (Apus apus)

O que moita xente descoñece é que un dos maiores espectáculos de aves urbanas que podemos observar en Europa está xustamente nunha cidade galega, en Lugo , coñecida pola súa magnífica muralla romana completa. E é precisamente na muralla onde nidifican a maior parte dos cirrios comúns (Apus apus) que estes días podemos observar na cidade, un recurso educativo, científico e natural impresionante que é un recurso turístico aínda por dar a coñecer.

Cirrio común (Apus apus)

Son miles os cirrios que nela nidifican, cada voo seu é un auténtico espectáculo aéreo, tanto visual como sonoro,  doadamente observable desde a mesma muralla ou as súas inmediacións. Xusto nestes días os cirros afánanse en voar aos niños para alimentar aos polos que xa están a punto de botarse a voar. Nuns poucos días, estas aves fascinantes marcharán de novo a invernar a Africa. Non se pousarán en meses ata que regresen a aniñar nos ocos da muralla unha vez máis. 

Cirrio común (Apus apus)

Ademais de ser un espectáculo natural de primeira orde accesible para toda a familia, hai que saber que os cirrios son aves insectívoras que consumen miles e miles de insectos aéreos polo que a súa incidencia global nos ecosistemas é determinante.

Cirrio común (Apus apus)
Arriba