En pleno verán parece que a natureza descansa. Pero non é así. Milleiros de aves que acaban de finalizar a súa reprodución no norte e centro de Europa empezan unha viaxe de miles de quilómetros en dirección ao sur. Moitas desas aves pasan por Galicia, especialmente as acuáticas e mariñas, que nos proporcionan un dos espectáculos máis rechamantes da natureza. 

Galicia ten un dos mellores puntos de observación de todo o continente

Galicia ten un dos mellores puntos de observación de todo o continente, trátase do cabo de Estaca de Bares, o punto máis setentrional da península Ibérica, que separa o Atlántico do Cantábrico. Entre o mes de agosto e o de setembro podemos ver miles de aves mariñas de decenas de especies pasando continuamente de viaxe ao sur. Aos frecuentes mascatos do Atlántico xúntanse os carráns común, árticos e cristados, palleiras parasitas, etc. Sen dúbida é un dos maiores espectáculos migratorios de Europa.

Así e todo, non é Estaca de Bares o único punto de observación deste fenómeno: outros moitos cabos por toda a costa galega ofrécennos a mesma posibilidade: o cabo Prior en Ferrolterra, a punta das Olas, próxima á Coruña, os cabos do Roncudo e Touriñán na Costa da Morte, o de Corrubedo no Parque Natural do mesmo nome ou o Silleiro, son algúns bos exemplos.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Voitre negro (Aegypius monachus)
Palleira grande (Catharacta skua)
Lagarteiro das torres (Falco naumanni)
Gaivota de Sabine (Xema sabini)
Nas zonas húmidas, especialmente as costeiras, ferve a vida alada

Son ducias de especies de aves as que, na súa viaxe, realizan neles unha parada duns días ou unhas horas. Non debemos deixar de acudir ás rías e esteiros: as rías de Ribadeo e Foz, a de Ortigueira, a do Burgo, o esteiro de Ponteceso, na Costa da Morte, todo o complexo húmido ao redor do Grove ou o esteiro do Miño, na Guarda, son sitios destacados para observar limícolas como mazaricos reais, mazarico chiadores, rubios e rabinegros, pilros escuros e pilros tridáctilos, píllaras reais, píldoras cincentas e biluricos patirrubios, etc.

Nas zonas húmidas tamén imos poder observar especies como a tartaraña das xunqueiras en migración ou dispersión. Temos que estar atentos sobre todo ás xunqueiras e canavais.

Nas áreas de montaña as concentracións de aves rapaces, afanadas en aproveitar as efémeras fontes de alimento, chegan a ser espectaculares

Igual que no mes anterior, nas áreas de montaña as concentracións de aves rapaces, afanadas en aproveitar as efémeras fontes de alimento, chegan a ser espectaculares. No Macizo Central, ao redor dos montes máis elevados dos Ancares e Montes de Cervantes, Pena Trevinca e Serra do Eixe, O Courel ou na Serra do Suído podemos observar boas concentracións destas aves: desde lagarteiros vulgares a voitres leonados e negros.

Un fenómeno temporal de extraordinario interese é o que ten por protagonista o lagarteiro das torres. Trátase dunha pequena rapaz ligada ás construcións humanas e ás terras de labor, frecuente nalgúns puntos da península Ibérica, pero que non cría en Galicia. Seriamente ameazada desde hai apenas unha década, nos últimos anos desprázase cara ao norte logo da nidificación, para se alimentar e gañar peso á conta dos insectos que nas áreas máis setentrionais aínda atopa. Han estar aquí unhas breves semanas e novamente parten para invernar na África subsahariana. Debemos estar atentos pois en calquera sitio podemos ver algún, aínda que é na Serra dos Ancares e Montes de Cervantes ou, especialmente, na Veiga de Pumar na Terra Chá, onde imos ter máis posibilidades de observalos.

Non podes perder

Ago
  • As zonas húmidas da costa. Milleiros de aves acuáticas de diferentes especies recalan nelas: desde as rías de Ribadeo e Foz ao esteiro do Miño, na Guarda. É importante usar telescopio. Nos ecosistemas de esteiro habemos procurar que as nosas observacións sexan cando a marea estea enchendo, que é cando as aves se han aproximar a nós.
  • Ás lagoas litorais como a de Xarfas, en Louro, o mellor é acudir a última hora da tarde. Moitas aves como as garzas reais, as garzotas ou as gaivotas choronas cítanse nestas lagoas para pasar a noite.
  • Cando nos acheguemos a Estaca de Bares é importante saber como vai vir o vento. Se venta do norte ou do noroeste as aves han pasar máis próximas á costa e as nosas observacións han ser mellores. Con algo de sorte habemos poder ver ademais especies menos comúns, desas que xeralmente pasan lonxe da costa.
  • Para ver maiores concentracións de aves rapaces imos ter que achegarnos ás partes altas das serras, como as do Macizo Central, Os Ancares e Montes de Cervantes, Pena Trevinca e Serra do Eixe, O Courel, etc.
  • Non só migran aves acuáticas e mariñas. En practicamente calquera lugar imos poder observar especies infrecuentes ou incluso só observables nesta época do ano, como o papamoscas cincento ou o picafollas musical. Para avistalas podemos probar a pasear por calquera bosque de ribeira ou por áreas de campiña nas que existan bosquetes ben conservados.
Arriba