Esta é unha zona extraordinaria en beleza e valor ecolóxico, xa que no seu seo mantense unha sorprendente variedade de árbores, arbustos, réptiles, insectos e aves

O gran reduto de bosque atlántico

O Parque Natural das Fragas do Eume é de por si un dos espazos naturais máis coñecidos de Galicia, unha mostra aínda impresionante de bosque atlántico europeo, encaixado nunha zona quebrada do curso medio e baixo do río Eume. Nas zonas máis altas do parque, a matogueira chega a cubrir grandes extensións, a miúdo mesturada con piñeirais.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Goente - Pena de Eiriz e regreso

MELLOR ÉPOCA

Entre marzo e xuño

DISTANCIA

28 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Capela, As Pontes, San Sadurniño

PERCORRIDO

Goente - Pena de Eiriz e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. A ruta parte de Goente (1), onde é posible avistar escribenta común. Segue pola estrada AC-142 ata a pequena capela de San Roque, desde onde, coa axuda dun telescopio, poderemos realizar observacións sobre a aba sur da entulleira da mina das Pontes para localizar a tartaraña cincenta e o lagarteiro común.
  2. Unha vez na vila das Pontes (3) localizaremos a andoriña dos penedos e o merlo rieiro.
  3. Ao achegarnos á praia do lago das Pontes (4), habemos buscar un punto alto para escrutalo co telescopio; poderemos observar a garzota pequena, o pato cristado e o mergullón cristado e, ocasionalmente, a aguia pescadora.
  4. Volvendo para o sur, tomamos a autovía ata saír en Espiñaredo (5). Aquí é posible avistar a andoriña dáurica, o picafollas ibérico e a escribenta amarela. Unha vez en Pena de Eiriz, tomando un desvío á esquerda en dirección á igrexa de Seoane e ao Castro (6), veremos arceas comúns e avelaionas.
  5. Pasado Miguelares, chegamos a unha zona rochosa con matogueira (7). Alí localízase a cotovía pequena, o tordo charlo e, ás veces, o picanzo real.
  6. Tomaremos unha pista de terra en dirección sur polos piñeirais do Forgoselo (8) ata Goente (9). Neste traxecto obsérvase a cotovía pequena, o cruzabico común, o úbalo europeo e, no inverno, a pica alpina.

Roteiro en coche: Cabanas - Central do Eume

MELLOR ÉPOCA

Primavera

DISTANCIA

18 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Capela, Cabanas, Monfero

PERCORRIDO

Cabanas - Central do Eume

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Cabanas (1) pola AC-141 accedemos á Casilla, onde imos poder ver miñatos abelleiros e cardeais comúns.
  2. Nas Neves (3) (onde se localiza a escribenta amarela) tomamos o desvío para a central do Eume, pasando polo Poboado e Gunxel (4). No traxecto avistaremos picafollas ibéricos e escribentas riscadas.
  3. Despois dun tramo de descenso no que é posible observar avelaionas, habemos chegar á central eléctrica (5) onde se pode apuntar o merlo rieiro.

Roteiro a pé ou en bici: Goente - Presa do encoro do Eume e regreso

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DURACIÓN

3-4 horas a pé e 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

As Pontes, Monfero

PERCORRIDO

Goente - Presa do encoro do Eume e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Este itinerario percorre as inmediacións do Parque Natural das Fragas do Eume. Desde o alto de Fontardión (1) (665 m) é posible observar aves de rapina como o millafre negro, a aguia cobreira ou o falcón peregrino. Durante os meses do outono tamén é posible detectar a migración de paseriformes.
  2. Na presa do Eume (2) rexístrase a presenza da andoriña dos penedos e, polas noites, é posible escoitar o bufo real.

 

As aves

As fragas do Eume acollen especies como o picanzo real, a cotovía pequena e a aguia cobreira. No verán son un miradoiro privilexiado para a observación de voitres leonados. Os piñeirais máis frondosos son zonas frecuentadas por cruzabicos comúns, mentres que nas extensas fragas de carballos, bidueiros, freixos e amieiros viven o gabeador azul e o picafollas ibérico. O bufo real apodérase dos cantís rochosos e o merlo rieiro e o picapeixe común aínda se manteñen nalgúns tramos do Eume.

Consellos e recursos
  • Levar calzado adecuado (botas de montaña con tecidos hidrófugos) en outono e inverno para andar polos camiños.

  • As aves forestais obsérvanse moito mellor a primeira hora da mañá e as rapaces, a partir do mediodía.

  • Transitar só por camiños, sen invadir as leiras.

Arriba