Cantís, illas, esteiros, praias, dunas, penas, monte baixo e, ao fondo, o Atlántico máis bravo. Ao longo de case 200 quilómetros, a paisaxe da Costa da Morte, sorprendente pola súa variedade e bo estado de conservación, ofrece múltiples oportunidades para gozar dos seus principais atractivos ornitolóxicos: o paso de aves mariñas e outras aves acuáticas, así como as concentracións de limícolas e gaivotas en outono e inverno. Por se isto non abondase, decote chegan a esta costa aves procedentes dos ámbitos xeográficos máis inesperados como, por exemplo, o norteamericano.

A costa da vida

Esta ampla zona de costa entre Malpica e o cabo de Fisterra brinda multitude de hábitats para as aves: cantís (en especial en Malpica e entre Traba e Fisterra), praias e dunas (como Mar de Fóra, O Rostro, Nemiña, Lago, Traba, Laxe ou A Barra), coídos (praias de coios), lagoas (como Traba e a da mina de Coéns), marismas e xunqueiras (salientando a da enseada da Insua), piñeirais, queirogais, toxeiras e terreos de cultivo.

Durante a migración primaveral e outonal, ademais, hai un constante fluxo de aves mariñas fronte aos seus principais cabos que, sobre todo con ventos de compoñente oeste, pode ser espectacular. A estadía invernal de patos e limícolas na desembocadura do Anllóns é moi notable. Cóntanse por milleiros as gaivotas que aniñan nas Sisargas e as migratorias e invernantes que aniñan nas praias de maior tamaño.

E todo iso sen esquecer que nesta zona están as últimas gaivotas tridáctilas e araos que crían en Galicia. A listaxe de aves rexistradas na Costa da Morte é moi ampla; chega ás 296 especies, incluíndo un bo número de rexistros de aves raras, sobre todo americanas, aínda que tamén asiáticas e incluso africanas.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche “Corax”

MELLOR ÉPOCA

Desde mediados de setembro a mediados de xuño

DISTANCIA

51 km

DURACIÓN

Toda unha mañá

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cee, Fisterra, Muxía

PERCORRIDO

Cabo de Fisterra - Ría de Lires - Cabo Touriñán - Muxía

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. No cabo de Fisterra (1), con ventos de compoñente oeste, podemos observar o paso de aves mariñas como o mascato do atlántico, o furabuchos das baleares ou o pentumeiro. Tamén é frecuente o corvo.
  2. No porto de Fisterra (2), en setembro e comezos de outubro, adoitan recalar carráns e, xa no inverno, carolos e incluso araos. A partir de maio e ata setembro tamén se ven cirrios pálidos.
  3. Na praia da Lagosteira (3), en inverno, é doado ver o gaivotón atlántico e tamén a pica costeira.
  4. Na praia do Rostro (4) podemos contemplar todo o ano a píllara das dunas, ademais do pilro tridáctilo e a gaivota arxéntea europea en paso e estadía invernal. A choia de bico vermello tamén é habitual alí.
  5. Lires (5) é excelente para ver o corvo mariño grande, o picapeixe e diferentes gaivotas. 
  6. Nos campos de Frixe e Loalo (6) hai grupos de pardal montés, escribenta amarela e, ocasionalmente no inverno, pimpín do norte.
  7. Tamén en inverno, achegarse á praia de Nemiña (7) é imprescindible se andamos á procura da pica costeira ou a escribenta das neves, ou de gaivotas pouco comúns como a polar ou a hiperbórea. Os campos próximos (8) acollen regularmente a pouco frecuente pica de Richard.
  8. No traxecto ata Muxía (9) cómprenos estar atentos aos grupos de gaivotas nas praias e ás aves en migración.

 

Roteiro en coche “Aalge”

MELLOR ÉPOCA

Desde mediados de setembro a mediados de xuño

DISTANCIA

41 km

DURACIÓN

Toda a mañá desde ben cedo (ou mediodía e toda a tarde)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Camariñas, Muxía, Vimianzo

PERCORRIDO

Muxía - Camelle - Arou - Cabo Tosto - Cabo Vilán - Camariñas - Ponte do Porto - Muxía

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. No porto de Muxía (1) en inverno é habitual a presenza de gaivotas arxénteas europeas e gaivotóns reais.
  2. Fronte á praia de Lago (2) podemos localizar pentumeiros comúns.
  3. En Ponte do Porto (3) inverna un bo número de patos e ademais facilmente podemos ver o picapeixe.
  4. Os penedos arredor de Camelle (4) acubillan no inverno o merlo azul.
  5. En outono, o cabo Tosto (5) hanos permitir observar un bo paso de aves mariñas como o pentumeiro común, o mascato do atlántico, a palleira, o furabuchos das baleares e a pardela escura. Ás veces tamén inverna a escribenta das neves.
  6. Desde a punta das Forcadas (6), antes de chegar ao macizo do cabo Vilán, podemos localizar no illote de Vilán de Fóra as últimas parellas ibéricas de arao dos cons.
  7. No cabo Vilán (7) é frecuente observar a choia de bico vermello e mais a papuxa do mato.
  8. En setembro e outubro o porto de Camariñas (8) e a praia de Area da Vila (9) hannos permitir a observación de carráns comúns e cristados e mais de gaivotóns reais.

Roteiro en coche “Numenius”

MELLOR ÉPOCA

Desde mediados de setembro a mediados de febreiro

DISTANCIA

58 Km

DURACIÓN

Todo o día

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cabana de Bergantiños, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso

PERCORRIDO

Malpica de Bergantiños - Ría de Seiruga - Corme - Punta do Roncudo - Corme - Ponteceso - A Carballa (observatorio) - Laxe - Lagoa de Traba

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. No porto de Malpica de Bergantiños (1) observaremos en inverno carolos, gaivotas arxénteas europeas, gaivotóns reais e, ocasionalmente, araos e mobellas grandes.
  2. A zona de Seiruga (2) é boa para observar grupos de gaivotas.
  3. A zona de Mens e Cores (3) acolle en inverno grupos de pardales monteses e choias de bico vermello.
  4. No porto de Corme (4) é habitual ver mobellas grandes e gaivotas arxénteas europeas.
  5. Se queremos presenciar o paso de aves mariñas no outono, un dos mellores lugares da zona é a punta do Roncudo (5). Alí podemos atopar pentumeiros comúns, mascatos do Atlántico, furabuchos das Baleares, pardelas escuras, carolos e palleiras.
  6. En chegando a Ponteceso é recomendable observar a pequena marisma ao oeste da ponte (6) na procura da garzota grande e de diversas limícolas.
  7. Desde A Carballa (7) podemos albiscar centos de patos, limícolas e gaivotas na enseada da Insua.
  8. Nos campos de Traba (8) son habituais durante o inverno o esmerillón, a pica de Richard e a choia de bico vermello.
  9. En inverno os patos cristados toman posesión da lagoa de Traba (9), que é ademais un punto de cría e invernada para a escribenta palustre.

Roteiro a pé ou en bici “Morus”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de agosto a mediados de xaneiro

DURACIÓN

4-5 horas a pé e unhas 2-3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Camariñas

PERCORRIDO

Arou - Estrada CP-1602 - Santa Mariña - Duna remontante e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Arou (1) (onde invernan ocasionalmente a mobella grande e mais o arao) collemos a estrada CP-1602 ata Santa Mariña (2), atravesando piñeirais nos que podemos observar a avenoiteira cincenta e mais o cardeal.
  2. O descenso ata Santa Mariña pode permitirnos ver pedreiros cincentos en paso migratorio, así como picafollas musicais e papamoscas negros na zona das hortas (3).
  3. No pequeno porto de Santa Mariña (4) é habitual a observación do carolo e o corvo mariño cristado.
  4. Atravesando un coído avanzamos cara á duna remontante e o piñeiral do Monte do Veo (5), onde podemos atopar corvos e falcóns pequenos. O carreiro segue ata un pequeno miradoiro sobre o mar. Alí podemos deternos a observar aves mariñas antes de emprender o regreso.

Roteiro a pé ou en bici “Calidris”

MELLOR ÉPOCA

Desde últimos de setembro a mediados de xaneiro

DURACIÓN

3-4 horas a pé e unhas 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Ponteceso

PERCORRIDO

O Couto - Dunas e praia da Barra - Intermareal da enseada da Insua - O Couto

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde O Couto (Ponteceso) (1) tomamos unha pista de terra paralela á enseada que nos conduce desde A Insua (2) (onde podemos ver o picapeixe, a cotovía pequena e, en migración, o papamoscas negro) ata o novo observatorio ornitolóxico (3) (aquí é posible ollar a aguia pescadora e a tartaraña das xunqueiras).
  2. Na xunqueira (4) antes do cordón de dunas é habitual escoitar o rascón europeo e mais a carriza dos xuncos.
  3. Nas dunas (5), durante o inverno, podemos ver algunha escribenta das neves e papuxas do mato. Tamén é frecuente a choia de bico vermello.
  4. Unha vez na praia da Barra (6) habemos estar atentos á píllara das dunas e ao pilro tridáctilo. No illote da Tiñosa (7), con marea alta, é habitual ver grupos de gabitas comúns.
  5. Pasando o extremo sur da Barra (8) e avanzando cara ao leste imos poder ver diversas limícolas. Máis lonxe veremos anátidos, que habitualmente se concentran na enseada da Insua (9) cercetas común, lavancos, mazaricos reais, biluricos claros ou pilros común).
As aves

Nos cantís e illotes habitan corvos mariño cristados, falcóns peregrinos e corvos, mentres que nas praias observaremos pilros tridáctilos, píllara das dunas, escribentas das neves e grandes bandos de gaivotas, incluíndo, no inverno, o gaivotón real. Na enseada da Insua habemos atopar gabitas comúns, mazaricos reais, rascóns comúns e innumerables patos, garzas, limícolas e gaivotas. As zonas de matogueira con piñeiros dispersos son o fogar de picas das árbores, papuxas do matos e avenoiteiras cincentas. A baía de Laxe acolle todos os invernos mobellas grandes, pentumeiros e carolos, e na lagoa de Traba reprodúcese a escribenta das canaveiras e invernan o pato cristado e mais a tartaraña das xunqueiras. Nas áreas de cultivo habemos observar escribentas amarelas, choias de bico vermello e pardais monteses.

Consellos e recursos
  • Para chegar ás illas Sisargas pódese contactar coa confraría de Malpica e ter información actualizada (teléfono: 981 72 00 11 / correo electrónico: cofradia@cofradiamalpica.org). 

  • No litoral e na lagoa de Traba recomendamos usar o telescopio.

  • Debemos evitar pisar as dunas; desprazarémonos utilizando as pasarelas (Seiruga, Traba) ou polos camiños marcados (A Barra, Nemiña).

  • Existen observatorios ornitolóxicos en Cabana de Bergantiños (As Redondas), Ponteceso (O Couto) e dous na lagoa de Traba.

  • Recoméndase estar atentos ao vento: as posibilidades de boas observacións increméntanse cando venta do oeste.
     

Arriba